Emerxencias activa o ES-Alert en 13 concellos das comarcas da Limia, Verín e Viana
Pide extremar as precaucións.
O avance dos lumes que afectan Galiza, especialmente no Macizo Central, fixo soar esta sexta feira os teléfonos móbiles das persoas das comarcas afectadas. Un son que volveu hoxe sábado para 13 concellos das comarcas da Limia, Verín e Viana.
Os concellos alcanzados por este aviso son os de Xinzo de Limia, Baltar, Cualedro, Laza, Verín, Riós, Vilardevós, A Gudiña e A Mezquita. Así o comunicou o 112 Galiza a través das súas redes sociais, nunha publicación na que insta a veciñanza a evitar "calquera desprazamento innecesario" e a permanecer nas súas vivendas.
Recomendacións activas
Igualmente, seguen activos os protocolos de protección á cidadanía (Situación 2 preventiva) en toda a provincia de Ourense, e o 112 lembra que a través de 'Es-Alert' é necesario seguir as indicacións das autoridades para garantir a seguridade.
Os concellos nos que pon o foco o 112 son en total máis dunha trintena: Oímbra, Cualedro, Monterrei, Laza, Verín, Vilardevós, Riós, A Mezquita, A Gudiña, Viana do Bolo, Vilariño de Conso, A Veiga, O Bolo, Manzaneda, Chandrexa de Queixa, Montederramo, Parada de Sil, Castrocaldelas, A Teixeira, San Xoán de Río, Larouco, Petín, A Rúa, Quiroga, Ribas de Sil, O Barco de Valdeorras, Vilamartín, Xinzo, Trasmiras, Baltar, Folgoso do Courel, Rubiá, Carballeda de Avia, Leiro, Avión e Beade.
As comarcas de Terra de Trives e Verín, tras a unión de dous incendios en Chandrexa de Queixa e despois de unificarse este con o rexistrado en Mormentelos, en Vilariño de Conso, até superar as 16.000 hectáreas, rexistra o que até o de agora supón o incendio máis grande da historia da Galiza, de acordo cos rexistros oficiais da Xunta, que poden variar dos cómputos doutras entidades e institucións.
Pero outros grandes lumes avanzan e, se non se atallan nas próximas horas, coa dificultade que implica debido á magnitude que adquiriron, poderían superar tamén ao rexistrado no Courel (Lugo), na vaga de incendios de 2022, que era até o de agora o segundo da historia da Galiza, con 11.800 hectáreas afectadas.

