Mina de Touro

Un informe cualifica a mina de Touro de loucura e alerta do perigo para a poboación

Emermans na presentación do informe en Compostela [Imaxe: SG]

A plataforma Mina de Touro Non apresentou un informe elaborado polo doutor Steven Emerman sobre o impacto do proxecto mineiro nesta zona. Emerman alertou do perigo que entraña a construción dunha balsa a menos de 200 metros da poboación, algo que sería ilegal en moitos países do mundo.

O doutor Steven Emerman apresentou en Compostela un estudo sobre os perigos que entraña para o medio e a poboación o proxecto mineiro en Touro. O reputado profesor da universidade estadounidense de Utah Valley  foi convidado pola plataforma Mina de Touro Non para alertar dos impactos da construción dunha balsa como a proxectada nesta zona, augas arriba, gardando menos de 200 metros de distancia respecto da poboación máis achegada, algo que sería ilegal en moitos países do mundo.

A presa en Touro é para Emerman “unha loucura” porque supón a construción dunha balsa augas arriba respecto dunha poboación situada a tan só 200 metros de distancia

Emerman, con 31 anos de experiencia no ensino universitario en Xeofísica, ten elaborados informes técnico-ambientais como consultor independente centrándose en hidroloxía e especialmente en minaría, augas subterráneas e superficiais. Ten, así mesmo, traballado para empresas mineiras e institucións públicas.

A presa en Touro é para Emerman “unha loucura” porque supón a construción dunha balsa augas arriba respecto dunha poboación situada a tan só 200 metros de distancia. Esta pequena separación entre ambas significa que de producirse unha falla na presa sería imposíbel realizar ningún rescate, non se chegaría a tempo.

A respecto disto, Emerman puxo o exemplo acontecido no mes de xaneiro no Brasil onde após un desastre mineiro debido a unha fenda nunha presa augas arriba, xurdiu un novo concepto coñecido como “zona de propio salvamento”. Con isto refírese a que ningún rescate é posíbel nunha poboación que está augas abaixo a menos de 10 quilómetros respecto dunha presa que rompa e, por tanto, cada persoa tería que tentar salvarse por si mesma.

A zona de seguranza entre a presa dunha mina e unha poboación augas abaixo é por tanto de 10 quilómetros. Emerman matizou “seguranza” xa que a destrución produciríase igual, mais si habería posibilidade de efectuar un rescate da xente.

A construción de minas e balsas augas arriba cerca de poboacións ilegalizouse no Brasil logo dunha catástrofe en xaneiro

A construción de minas e balsas augas arriba cerca de poboacións ilegalizouse no Brasil logo dunha catástrofe en xaneiro, mais tamén está prohibida en moitos outros países como Chile (desde o ano 1970). Pola contra, no estado Español as leis non son estritas e de feito prímase a construción augas arriba porque é a mais barata (aínda que de igual forma é a máis perigosa).

Este modelo de construción é o que tamén formula o mesmo entramado empresarial da Mina de Touro, Atalaya Mining, segundo denunciou Emermar. A empresa está facendo na mina de Río Tinto, en Andalucía, unha balsa augas arriba dunha poboación. O colmo está, segundo sinalou o experto, en que este deseño está realizado por unha empresa chilena, consciente de que este modelo é ilegal no seu país mais legal no estado Español. “Son métodos ilegais e extremadamente perigosos noutros países que no estado Español véndense de minaría do século XXI e modelo sostíbel”, denunciaron os membros que acompañaron a Emerman na apresentación do informe e que representaban a plataforma Mina de Touro Non e Contraminacción.

O investigador sinalou que a presa non foi deseñada baixo a contemplación dos conceptos “inundación máxima posíbel” e “terremoto máximo posíbel"

O investigador tamén sinalou que a presa de Touro non foi deseñada baixo a contemplación dos conceptos de “inundación máxima posíbel” e “terremoto máximo posíbel”, polo que denunciou que “nas 6000 páxinas do estudo de impacto ambiental que se realizou sobre a mina de Touro non hai ningún deseño sobre criterios de seguridade sobre estes dous conceptos. Ao fallar esta consideración ningún deseño de seguridade e impacto é posíbel”.

O informe de Steven tamén contempla varios erros na mina de San Fins, en Lousame

O informe de Steven tamén contempla varios erros na mina de San Fins, en Lousame, e aludiu a existencia de altos niveis de contaminantes nesta área. "Cando recibín os informes oficiais estaba confundido, non sabía se eran reais ou simplemente unha burla", afirmou Emerman, quen contradi así o informe oficial realizado polo profesor Felipe Macías e a USC nos que se xustifica a presenza de cadmio nas augas de maneira natural "a pesar de que están 35 veces por encima do nivel permitido", denunciou Emerman.