Embarazadas ourensás denuncian estar "desatendidas" por Sanidade

Matronas de Verín -Belén Vázquez, na imaxe- ofrecen formación en liña desde marzo. (Foto: Nós Diario)
Reclaman acceso en liña á educación maternal. O BNG trasladou ao Parlamento esta preocupación e demanda das futuras nais.

Mulleres embarazadas de Ourense, adscritas ao centro de saúde do Couto, admiten que están atravesando "unha situación complicada" derivada tanto da pandemia de coronavirus como do desleixamento dos responsábeis do Servizo Galego de Saúde.

Segundo denuncian, as restricións xeradas pola Covid-19 provocaron a suspensión das clases grupais ás que teñen acceso as mulleres nos últimos meses de embarazo en numerosos centros de Atención Primaria. No seu caso particular, engaden, "levamos semanas sen poder asistir ás sesións de preparación ao parto e sen acceso aos contidos esenciais da educación perinatal para a preparación do nacemento debido a unha baixa da nosa matrona".

Consideran, en ambos os dous casos que se trata de información fundamental "que forma parte dos nosos dereitos, tal como determina a Guía de práctica clínica de atención no embarazo e no puerperio estabelecida polo Ministerio de Sanidade e promovida tamén polo Sergas".

Coas clases canceladas na maioría dos centros de saúde, e conscientes das dificultades provocadas pola pandemia para que poidan ter lugar de forma presencial, as embarazadas reclaman unha dotación suficiente para que as profesionais encargadas de coidar da súa saúde neste momento e nos meses vindeiros dispoñan dos recursos necesarios para que poidan realizar "un asesoramento online a todas as mulleres que como nós se encontran nunha situación de abandono".

Desatención do Sergas

"Sabemos que ante o abandono do Sergas moitas matronas dispuxeron os seus propios recursos para poder atender as demandas das futuras nais. Grazas ao seu esforzo persoal moitas familias poden resolver dúbidas acerca do plan de parto, dos métodos para aliviar a dor ou de como afrontar o medo a un nacemento próximo".
Neste contexto, inciden, "debe ser o Sergas quen xestione mediante ferramentas TIC" unha atención "indispensábel". "Abondaría con dotar as matronas cun ordenador con cámara web, conexión wifi e unha conta nunha plataforma que permita videochamadas", advirten. Un investimento que non consideran nin amplo nin custoso.

Tras a súa denuncia, o BNG trasladou ao Parlamento da Galiza a desatención das embarazadas de Ourense mediante iniciativas nas que insta a Xunta a "adoptar medidas urxentes de captación de persoal" mais de "adaptación das formacións".

Dereitos vulnerados

A deputada Noa Presas asegurou que "as mulleres embarazadas están a ver vulnerados os seus dereitos a unha preparación e información adecuadas de cara ao desenvolvemento do parto e da maternidade". Neste sentido, engadiu, "non é razoábel que despois de máis de oito meses de pandemia non exista unha adaptación deste tipo de formacións á realidade marcada pola Covid-19, máis aínda cando existen experiencias impulsadas por profesionais que poden servir de guía, como a formación en liña levada a cabo polas profesionais do Hospital de Verín".

Presas sinalou tanto a falta de persoal como "a desidia do Partido Popular, que ten a Atención Primaria clausurada cando hai servizos que non se poden suprimir", dixo. "Hai unha ofensiva contra os dereitos das mulleres, das nais e da poboación infantil. Temos falta de pediatras máis que en ningún outro lugar do país e un hospital sen unidade específica de cirurxía pediátrica", recalcou entre outras cuestións.