Os embalses galegos lideran as reservas hídricas do Estado español

O encoro de Eiras está destinado ao abastecemento de auga de once concellos das zonas de Vigo e Pontevedra. (Contando Estrelas/Flickr)
Os encoros da demarcación hidrográfica Galiza-Costa superaron esta semana o 90% da súa capacidade.

Os encoros galegos están ao 88,4% da súa capacidade, fronte á media estatal que se sitúa no 51,3%, segundo os datos publicados esta terza feira, 31 de xaneiro, no boletín hidrolóxico do Ministerio para a Transición Ecolóxica e Reto Demográfico (Miteco).

Deste xeito, as concas galegas teñen embalsados un total de 3.169 hectómetros cúbicos de auga, superando a media do ano pasado e da última década.

En concreto, o Miño-Sil conta con 2.531 hectómetros cúbicos (19 menos que a semana pasada) de auga embalsados actualmente, moi por encima da cifra do ano pasado a estas alturas (1.629) e da media da última década (2.032).

Así mesmo, a conca Galiza-Costa é a máis chea de todo o Estado español en relación á súa capacidade, 93%, e conta cun total de 638 hectómetros cúbicos de auga embalsada. O ano pasado tiña recollidos un total de 431, mentres que a media do últimos dez anos sitúase en 527.

Desta maneira, e segundo os datos publicados polo Miteco as dúas concas hidrográficas do país galego (Galiza-Costa e Miño-Sil) lideran as reservas hídricas do Estado español, seguidas con 87,3% pola conca Cantábrico Occidental, e con 82,2% no Cantábrico Oriental.