Elías Fernández: "Existe unha relación entre a personalización dos axentes sociais e a confianza dos humanos"

O investigador da Universidade de Vigo Elías Fernández Domingos (Foto: Nós Diario).
Como reacciona unha persoa diante dunha situación de risco se ten que ser interactiva cun axente artificial? Esta pregunta foi a que tentou responder a tese de Elías Fernández Domingos a través de varios experimentos de comportamento económico. Este investigador da Universidade de Vigo, actualmente na Universidade Libre de Bruxelas, traballa en levar a experiencia á práctica en procesos como o de compra-venda de enerxía.

-Que situacións de risco analizou na súa tese?

Consideramos problemas como o cambio climático, os procesos de vacinación ou o control de pandemias, que son temas de total actualidade nos que se confrontan intereses individuais e colectivos e os beneficios inmediatos e a longo prazo. Estes contextos son coñecidos como situacións de risco colectivo, escenarios complexos que conforman dilemas sociais suxeitos a moitas incertezas, desde a probabilidade de que a catástrofe ocorra, até o tempo para evitala.

-Como se desenvolveu o proceso experimental?

Empregamos un xogo do risco colectivo, que modela os aspectos estratéxicos de problemas sociais, como por exemplo o cambio climático. Pedimos a un grupo de persoas anónimas que fixeran contribucións a un fondo común que permitiría evitar unha catástrofe. Ao principio do xogo, cada participante recibe 40 unidades monetarias nunha conta privada ‘virtual’. Durante o xogo, os participantes poden contribuír con parte deste diñeiro ao fondo común a través de varias rondas. Se ao final do xogo o total de contribucións alcanza un obxectivo colectivo, entón a catástrofe evítase e cada xogador recibe ese diñeiro. En caso contrario, existía un 90% de probabilidade de que unha catástrofe ocorra e non reciben nada. En total fixemos tres experimentos de economía de comportamento. 

-Cales foron as conclusións ao engadir o compoñente dos axentes artificiais?

No primeiro experimento quedou claro que, en ausencia de mecanismos de comunicación, as persoas teñen problemas para coordinar os seus esforzos para alcanzar un obxectivo colectivo e evitar unha catástrofe, en particular cando existe incerteza sobre cando tempo hai dispoñíbel para chegar a ese obxectivo. Aínda así, non é sinxelo deseñar un sistema de comunicación efectivo nalgunhas situacións, sexa porque a comunicación ten un custo elevado ou porque non é fácil de complementar un protocolo común de tal maneira que a comunicación non xere máis incerteza.

Os resultados amosan que o éxito do grupo para conseguir o obxectivo colectivo aumenta considerabelmente coa delegación, aínda que preguntados ao final do experimento, os participantes amosáronse reticentes a regalar as súas decisións aos axentes artificiais e indicaron que preferirían facer as súas propias contribucións ao longo do experimento. 

Con todo, a capacidade de personalizar os axentes aumentou a disposición a delegar, o que suxire que existe unha relación entre a personalización dos axentes artificiais e a confianza dos humanos.

-Non hai desconfianza diante deses axentes artificiais por parte dos humanos?  

Efectivamente. No terceiro experimento, os participantes son colocados nun grupo onde a metade dos membros eran axentes artificiais. Neste experimento, observamos que o éxito do grupo non só non aumentou, senón que a maioría dos participantes humanos consideraron que os axentes actuaban de maneira máis egoísta e contribuían menos que os humanos, aínda que isto non fose certo. 

-De que maneira esta experiencia pode traspasarse a modelos prácticos?  

Os experimentos desta tese baséanse nun xogo abstracto e por isto é importante ser cauto ao traspasar as conclusións a aplicacións prácticas. Agora investigamos como un mercado de axentes artificiais podería empregarse para mellorar a compra e venda de enerxía onde varios pequenos produtores que teñen, por exemplo, paneis solares inxectan enerxía á rede.