Testemuños dos incendios

Eles si que mancharon a roupa

[Imaxe: Xunta] Rajoy e Feijóo, no posto de mando de Pazos de Borbén

Pouco máis de 30 km separaban o domingo 15 de outubro Miguel Ucles e Álvaro Martínez. O primeiro, bombeiro de Vigo, loitaba no seu día de descanso contra o lume na parroquia de Chandebrito (Nigrán). O segundo, un brigadista prexubilado, facía o propio en Moscoso (Pazos de Borbén), onde é presidente da Comunidade de Montes. Falta de medios, falta de coordinación, caos... son palabras repetidas polos profesionais, que din estaren desbordados. Eis un extracto na reportaxe publicada no Sermos Galiza 268.

Miguel Ucles é presidente da Plataforma de Bombeiros Públicos de Galiza. O domingo libraba mais, vendo o que acontecía dirixiuse ao parque para colaborar. “Desde o colectivo levamos anos denunciando que cando hai unha situación de envergadura este modelo de xestión das emerxencias de Galiza –o de xestión directa co de xestión indirecta– fai moitísimo dano, porque non temos capacidade de coordinarnos os bombeiros de distintos sitios entre nós”, sinala en declaracións a Sermos Galiza. Tamén falla, di, o modelo de comunicación. 

 

O profesional pon de manifesto que ao redor das 21h do domingo o corpo de bombeiros de Vigo tiña coñecemento da chegada da Unidade Militar de Emerxencias (UME) nas seguintes horas. “Non foi até pasadas as 5h cando a UME chegou”, asegura. O bombeiro lamenta que os “uniformes limpos” aparecesen unha vez que o lume xa estaba controlado “para sacar a foto”. Refírese ás imaxes en que o presidente do Goberno central, Mariano Rajoy, e o da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, no posto de control de Pazos de Borbén.

 

Álvaro Martínez foi brigadista durante 15 anos e está xubilado. Leva 22 á fronte da Comunidade de Montes de Moscoso (Pazos de Borbén). El, organizado con veciñas e veciños, tamén loitou contra o lume. Alén do “combustíbel” que hai no monte, nomeadamente os eucaliptos, aínda quen tamén os piñeiros, “e en sitios pouco axeitados como nas proximidades ás vivendas”, existen moitos outros factores que explican os incendios. Un deles é a falta dun plan de ordenación forestal acaído, “cada comunidade de montes ten o seu, mais non se pensa nos lumes, e moito menos nos grandes lumes”. “A política que se segue é a de salvar a campaña con máis ou menos bos dados e esperar a que chova”, afirma en declaracións a Sermos, a respeito do labor do Executivo galego. “Parecerei catastrofista, mais vendo a evolución dos incendios nas últimas décadas non descarto que haxa lumes de 100 mil hectáreas".

 

[Podes ler a reportaxe íntegra no número 268 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques habituais]