Entrevista

Elena Vázquez Cendón, decana de Matemáticas da USC: "Na ciencia temos mulleres referentes de proximidade"

Elena Vázquez Cendón no Colexio de Fonseca, Compostela. (Foto: Santi Alvite)
A decana da Facultade de Matemáticas da Universidade de Santiago, María Elena Vázquez Cendón (Ourense, 1966), vén de recibir o Premio María Josefa Wonenburger 2022. O galardón, outorgado anualmente desde a súa creación en 2007, distingue as mulleres da Galiza con traxectorias nos ámbitos da ciencia e a tecnoloxía.

—Como valora o galardón que fai da súa traxectoria científica e de divulgación un referente?
Na Galiza hai moitas mulleres que son referentes en moitos ámbitos e desde que se puxo en marcha o premio sempre houbo candidaturas moi valiosas. Sinto orgullo e moita gratitude polo recoñecemento. Tratas de facer ben o teu traballo. Non traballas para que che dean un premio, mais se ten que ver con aplicacións directas para a Galiza no ámbito da investigación, mellor. Tamén foi importante que lembraran a divulgación. Son das persoas que pensa que non só temos que facer ben a tarefa, tamén nos debemos á sociedade e temos que compartilo coas futuras xeracións.

—Foi doado o camiño desde que coñeceu as matemáticas?
O camiño estivo marcado polo traballo e por activar o verbo “aprender”. Tamén por ter boas mestras e bos mestres. Por outro lado, hoxe en día non se traballa individualmente e conformar ou formar parte de equipos valiosos, escoitar persoas doutros ámbitos, son ingredientes importantes. Cando comecei coas matemáticas a motivación era dar aulas. Os referentes veñen das persoas que che deron clase.

O profesorado que tiven no IES As Lagoas, en Ourense, foi valioso e, no meu caso, explicáronme moi ben as ciencias e tamén as letras. Recoñezo que a parte da aprendizaxe é estratéxica. Pensaba imitar o que recibira. 

Foi importante para min que en quinto de carreira me concederan unha bolsa de colaboración para traballar co profesor Alfredo Bermúdez, algo do presente que máis lle agradezo á vida universitaria. Daquela, había un proxecto enriba da mesa para entender como se movían as correntes nas rías galegas para temas de saneamento, non había un software, e tratando de resolver un problema local rematei facendo a tese de doutoramento.

O traballo, no contexto matemático, tivo un marco maior e serviu para aplicar noutras zonas do mundo. Logo, contando con xente da Universidade da Coruña, tiven oportunidade de dar un paso máis adiante, coa colaboración de equipos de Barcelona e Madrid, que deu lugar a un software máis complexo que agora se emprega en varias partes do mundo.

Despois traballamos os fluxos en gas e en sangue. Todos, aínda que pareza que non teñen nada en común, matematicamente teñen o mesmo ADN polo que as metodoloxías que fomos desenvolvendo puidemos aplicalas a marcos moi diferentes e dar o salto á simulación de fluídos en 3D con máis colegas. 

—Mellorou a presenza das mulleres nas carreiras de ciencias desde que participou no estudo da súa situación en 2007?
Formei parte do equipo que iniciamos a Unidade Muller e Ciencia e hai números que melloraron. As matemáticas contan co “M” de muller e este mesmo ano seguimos a ter unha maioría de mulleres, un pouco máis de 50%. Nos dobres graos non acontece o mesmo e pesa máis o “síndrome da impostora”, aquel que fai que penses que non es abondo boa para a carreira. Porén, hai moi boas mulleres e con bos expedientes. En cálculo de enxeñaría informática, por exemplo, estabilizámonos mais hai uns anos o estereotipo estaba tan consolidado que había tres alumnas nunha aula de 50.

Axuda cada vez máis que haxa mulleres referentes. Cando comezamos coa divulgación puxemos algunhas grandes como premios Nobel, agora buscamos a proximidade. No meu caso, gustaríame que me viran como unha alumna máis que entrou hai 38 anos na facultade e que pasou polo IES das Lagoas. Temos que buscar referentes de proximidade. Minimizar as distancias para non pensar sempre nunha Marie Curie, hai moitas persoas normais que sumamos o efecto de formiga para facer algo grande.

A divulgación para achegarse á ciencia

Elena Vázquez Cendón é unha gran divulgadora. Presidenta na actualidade do programa de Estímulo do Talento Matemático (Estalmat-Galiza), participa impartindo charlas e talleres en centros educativos do país. Confesa a Nós Diario que unha das probas máis difíciles que tivo que pasar  foi nunha escola infantil.

“É un público moi exixente que ten claro cando atende, foi todo un reto”. Da mesma maneira afirma que é fundamental achegar a ciencia ao ensino medio. “É importante conectar co que xa saben, unha das materias pendentes é lograr, na docencia, que o alumnado pregunte”, sentenza.