As eleccións sindicais no ensino público serán o 1 de decembro

Haberá 874 mesas electorais en todo o país. (Foto: Polaris)
A CIG-Ensino, sindicato maioritario no sector, aspira a revalidar a súa posición de "referente".

As eleccións sindicais no ensino público foron convocadas para o 1 de decembro deste ano, a proposta de todos os sindicatos. Segundo informou a CIG-Ensino, a data oficializouse após a primeira reunión das mesas coordinadoras provinciais.

Nesta cita renóvase, como catro anos, a totalidade da representación do profesorado galego. Hai dous tipos de mesas nas eleccións: por unha parte as coordinadoras provinciais, unha por cada unidade electoral. Encárganse de coordinar todo o proceso e terán permiso desde o 30 de setembro até o remate do proceso.

Por outra, haberá 874 mesas en todo o país —334 na circunscrición da Coruña, 125 en Lugo, 82 en Ourense e 333 en Pontevedra—, unha mesa por cada centro que teña seis ou máis unidades. Os de menos, subscribiranse a unha mesa con criterios de proximidade.

As persoas que forman parte das mesas terán permiso retribuído durante toda a xornada de votación e unha redución de cinco horas ao día seguinte da votación.

Os censos electorais coñeceranse o 13 de outubro, cando as mesas coordinadoras rematen os seus respectivos traballos de confección das listas de persoas electorais elixíbeis. A partir dese día, deberán estar expostos en todos os centros educativos de dependentes da consellaría.

Nun comunicado, CIG-Ensino lembra que actualmente é o maioritario e que conta con máis de 42% da representación sindical —60 dos 142 delegados electos—. Así, aspira a revalidar a posición como "referente" no ensino público e do seu profesorado.