Eis os datos de delitos criminais na Galiza durante 2021, recollidos pola Fiscalía da Galiza

Audiencia de Lugo. (Foto: Europa Press)
A fiscalía fixo especial fincapé no aumento da violencia machista.

O fiscal superior da Galiza, Fernando Suanzes, presentou esta sexta feira a Memoria Anual do labor da Fiscalía do país durante o ano 2021. Un discurso no que fixo especial fincapé na “brutal realidade” da violencia machista na Galiza, da que expuxo os principais datos de criminalidade o ano pasado.

Unha muller foi asasinada pola súa parella en 2021, “un asasinato que nunca debeu suceder, como todos os que se producen”, lamentou Suanzes, para afirmar a continuación que “a violencia machista e ten cara, nome e familia”.

No ano pasado, incoáronse máis de 6.777 novos casos. Incrementou un 14% as cualificacións fiscais e ditáronse case un 41% máis de sentenzas en relación coa violencia de xénero, das que 86% foron condenatorias.

Para o fiscal superior da Galiza, “o Estado español é un dos países do mundo cun maior compromiso coa loita contra a violencia de xénero”.

Evolución dos procedementos penais

En total, durante 2021 os órganos xudiciais galegos tramitaron 137.680 procedementos penais, o que supuxo un aumento de 8,89% respecto a 2020. A estatística fiscal reflexou tamén unha cifra global de 102.320 procedementos penais incoados, con un incremento de 13,21.

Os delitos incoados aumentaron 15,1% no último ano. Deles, os delitos de lesións supuxeron 26,35% do total; delitos patrimoniais e socioeconómicos, 24,03%; delitos contra a Administración de Xustiza, 21,95%, delitos contra a liberdade, 17,88%; e delitos contra a seguridade viaria, que supuxeron 9,46%.

No seu discurso, o fiscal tamén se referiu a outros grupos delituosos que, sen supor tanta porcentaxe, “teñen gran influencia na percepción da seguridade cidadá”, como os delitos contra a vida, os delitos contra a liberdade e indemnidade sexual, delitos patrimoniais e socioeconómicos ou delitos contra a saúde pública polo tráfico de drogas.

Delitos de menores de idade

Outro dos puntos nos que fixo fincapé Fernando Suárez foi nos delitos cometidos por menores de idade. En 2021 rexistrouse un total de 3.027 procedementos incoados, cun aumento  interanual de 23,25%.

Houbo un total  de 622 menores axuizados na Galiza o ano pasado, cun aumento de 5,07%. A cifra de delitos incoados elevouse até os 3.305, cun incremento interanual de 38,05%; e foron formulados un total de 625 escritos de alegacións polos fiscais, cun incremento interanual de 12,21%.

En total, acadáronse 130 solucións extraprocesuais, cun “salientábel” incremento interanual de 31,31%, e unha porcentaxe de 12,72% respecto dos expedientes de reforma tramitados.

Outros delitos

A delincuencia informática asociada ás novas tecnoloxías subiu en todos os parámetros. A Memoria da Fiscalía de 2021 constata unha elevada suba de 93´6%. Así, as estafas por internet aumentaron 87% o ano pasado e representan case 85% do total de delitos incoados relativos á delincuencia informática, cun aumento da pornografía infantil a través das TIC, pasando de 21 a 35 delitos.

O acoso a menores por internet e as redes sociais aumentou de 6 a 12 casos. Os ataques informáticos subiron 183% e o descubrimento e a revelación de secretos a través destes canais incrementáronse 473%, pasando de 11 a 63.

Respecto á protección do medio ambiente, os procedementos incoados aumentaron perto de 6%; 24% as cualificacións e 75% as sentenzas ditadas. Os delitos relacionados cos incendios forestais descenderon un  39% en 2021.

En materia de seguridade viaria, consta a cifra de 8.226 delitos incoados, cun aumento de 20,25%, así como de 5.680 cualificados (incremento de 19,48%) e 5.804 sentenciados (28,58% de aumento).