O PP muda de opinión e oponse agora á transferencia de tráfico

O PP votará "non" á lei para a transferencia á Galiza das competencias de tráfico e seguridade viaria. 
A Xunta de Portavoces do Parlamento galego reuniuse onte no Pazo do Hórreo (Parlamento galego)
photo_camera A Xunta de Portavoces do Parlamento galego, reunida no Pazo do Hórreo (Foto: Parlamento galego)

O PP pasará da abstención ao "non" na votación da lei para a transferencia á Galiza das competencias de tráfico e seguridade viaria. Atópase en tramitación logo de que os populares, coa súa abstención, permitisen no pleno de 27 de abril que a proposición lexislativa -impulsada polo BNG- pasase o seu primeiro trámite no Parlamento galego.

Agora, os populares anuncian que non se volverán abster e que votarán en contra da transferencia de tráfico ao considerar que "non é prioritaria" nun momento en que o Goberno estatal "impide o exercicio do autogoberno" da Galiza. Así, acusan o Executivo de Pedro Sánchez de "non efectuar o traspaso doutras competencias sobre as que hai acordos unánimes" como a transferencia da titularidade da AP-9 ou a xestión do dominio público marítimo terrestre, ao que suman a impugnación por parte do Goberno español da reforma da Lei de Saúde galega diante do Constitucional.

O traspaso das competencias de tráfico implicaría o desenvolvemento dunha Policía galega, o que xerou críticas en asociacións da Garda Civil que chegaron a manter encontros tanto co PP como co PSOE.

Para o BNG, o xiro do PP débese precisamente a que "sucumbe ás presións dos sectores máis reaccionarios e españolistas, que queren atacar o autogoberno e a Cámara galega". A deputada nacionalista Olalla Rodil considerou que o PP, "despois de 12 anos sen mover nin un papel nin un dedo para reclamar ante o Estado máis competencias", agora "vai tombar unha lei porque unha asociación de garda civís mandounos parar".

Pola súa banda, os socialistas afirmaron que a inclusión dunha emenda ao texto lexislativo que expuña recoñecer o dereito dos axentes da Garda Civil a ter prioridade nos postos da Policía galega encargada de xestionar estas  competencias atendeu razóns "de pura lóxica". O viceportavoz do PSdeG, Pablo Arangüena, lamentou a postura do PP, que atribuíu á "dinámica" dos "últimos anos" de "non lograr nin unha soa competencia para a Galiza".

Transferencias en materia de meteoroloxía 

Seguindo cos traspasos e segundo acordou esta terza feira, 15 de xuño, a Xunta de Portavoces do Parlamento, o vindeiro pleno -22 e 23 de xuño- abordará o debate para a transferencia á Galiza das competencias en materia de meteoroloxía, a través dunha proposta impulsada polo BNG. Tamén se tratará a iniciativa do PP para a inclusión na Lei galega de violencia de xénero da protección ás vítimas que sofren acoso e outro tipo de violencias a través de Internet.

Ademais, no pleno comparecerá o número dous da Xunta, Alfonso Rueda, para informar sobre a campaña turística co foco posto na reactivación dos fluxos no verán e no Xacobeo.

A sesión tamén recibirá os ecos políticos da retirada da candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade, asunto que levan en diversas iniciativas PP e PSdeG. O Bloque tratou de abordar esta cuestión cunha comparecencia do conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, mais foi rexeitada.

Por outra banda, o cara a cara entre o presidente da Xunta da Galiza, Alberto Núñez Feixoo, e a líder do BNG, Ana Pontón, e o do PSdeG, Gonzalo Caballero, pivotará sobre dous asuntos diferentes. A nacionalista demandará ao mandatario que aclare que medidas baralla para abaratar a factura da luz, mentres que Caballero pedirá explicacións sobre a colaboración entre a Xunta e os concellos á hora de abordar a reactivación da economía tras a pandemia.

comentarios