A Eira da Xoana, a un paso de coroar o seu proxecto na fraga de Augas Santas, na Mariña

Xornada de voluntariado en Santo Estevo de Ermo, en Barreiros (A Mariña). (Foto: Nós Diario).

A Fundación Eira, recoñecida como de interese galego, precisa 2.000 euros máis para alcanzar o obxectivo de rexeneración dunha parcela na que este sábado realizou traballos de retirada do mato nunha xornada de voluntariado xunto con Mariña Patrimonio.

A campaña de recollida de doazóns segue aberta. A Fundación Eira da Xoana, da asociación ecoloxista Adega, precisa 6.000 euros para completar, xunto a Mariña Patrimonio e Irmandade de Santo Estevo, a compra, recuperación, estudo e protección dunha parcela situada ao carón da fraga do Santo Estevo do Ermo, no concello de Barreiros (A Mariña).

Neste terreo atópanse os restos da antiga igrexa de Santo Estevo, as do seu antigo cemiterio e as ruínas das cabanas das eremitas que antigamente habitaron a fraga, coñecida tamén como de Augas Santas.

A parcela, hoxe un eucaliptal, está en venda e conta co compromiso de compra da Fundación Eira da Xoana, que pide a colaboración cidadá e a súa axuda económica para adquirila e recuperar nese espazo a biodiversidade propia da contorna.

Este sábado, 15 de xuño, os impulsores desta iniciativa impulsaron unha xornada de voluntariado nos terreos que buscan recuperar e incorporar á fraga de Santo Estevo do Ermo, un espazo moi ben conservado grazas ao empeño e traballo da veciñanza asociada na Irmandade de Augas Santas.

Historia e patrimonio

O lugar está atravesado por un río, que forma unha fervenza e fornece dúas fontes que a xente do lugar di milagreiras. Aí consérvanse os restos da antiga igrexa de Santo Estevo do Ermo, un antigo cemiterio de orixe medieval e un "cuncheiro" onde se teñen atopado cunchas, ósos e cerámica medieval.

Durante a xornada de traballo na parcela, unha ducia de voluntarios e voluntarias despexaron de mato a zona das ruínas, tamén co obxectivo de abrir camiño de cara a unha posterior retirada dos eucaliptos que medran no lugar, descubrir e protexer a flora autóctona.

'Dryopteris guanchica'. (Foto Nós Diario).

Neste sentido respectaron a flora ameazada, como o fento Dryopteris guanchica, pouco común e vulnerábel, que puideron identificar grazas á colaboración dun botánico especialista.

Unha vez eliminados os eucaliptos iniciarán a recuperación da fraga e realizarán os estudos arqueolóxicos necesarios para a posta en valor.

Doazóns

Para a adquisición, restauración e prospección do lugar a Eira da Xoana precisa 6.000 euros, dos cales xa reuniu 4.000 grazas ás doazóns da cidadanía.

Están a piques de conseguir o seu obxectivo, polo que animan as galegas e galegos a contribuír con doazóns que teñen dereito a dedución na cota do IRPF e que se poden formalizar na web da Fundación Eira.