Os efectos do coronavirus no cerebro poden producir covid persistente

Laboratorio (Foto: RFBSIP)

Estudos realizados na Universidade de Yale, nos Estados Unidos de América, identificaron que a enfermidade pandémica ten un alcance que vai máis alá dos pulmóns. Ademais, as complicacións que ten poderían prolongarse no tempo.

As consecuencias que ten o coronavirus aínda están a ser investigadas por numerosos equipos médicos. A revista Science, unha das máis prestixiosas a nivel mundial, vén de publicar un dos últimos estudos no que se analiza os efectos no cerebro desta doenza coa conclusión de que poden producir Covid-19 persistente.

Se até o de agora moitas das pescudas tiñan como centro de atención os pulmóns, tratando aos casos como unha enfermidade respiratoria, especialistas en neuroloxía viron que pode afectar mesmo ao noso órgano máis prezado: o cerebro.

O artigo en Science, realizado pola doutora Serena Spudich, catedrática de neuroloxía Gilbert H. Glaser na Universidade de Yale, descubre que as complicacións neurolóxicas e psiquiátricas do virus son incribelmente diversas e ás veces persisten moito despois de que os pacientes se recuperen das súas infeccións iniciais. O estudo dos mecanismos que ocultan estas complicacións podería axudar a quen loita contra os síntomas persistentes.

"Moitos pacientes están desesperados por volver á súa vida normal, e é moi frustrante para eles que carezamos de terapias específicas para as súas afeccións. Até que non entendamos a fisiopatoloxía, non poderemos orientar adecuadamente o seu tratamento", reflexiona a investigadora.

Heteroxeneidade

Un aspecto do virus que sorprendeu moito a Spudich é a heteroxeneidade dos síntomas que provoca. Mesmo nos casos leves, a covid pode causar confusión, delirio,  somnolencia, mala función cognitiva, intensas dores de cabeza e molestas sensacións na pel. Nos casos máis graves, as persoas doentes sufriron complicacións tan graves como accidentes cerebrovasculares.

Aínda que a investigación se centrou nun inicio nas complicacións durante a fase aguda da enfermidade, a medida que a pandemia avanzaba pronto se deron conta de que moitas destas complicacións podían ser duradeiras.

"Agora hai moitos, moitos casos de persoas que teñen síntomas persistentes durante meses. A isto chámaselle Covid-19 persistente. Moitas veces tiveron unha resolución completa das súas febres e problemas respiratorios, mais seguen tendo dificultade de pensamento, concentración, memoria ou dificultades con sensacións estrañas e dores de cabeza", afirma a científica.

O virus non entra no cerebro

As primeiras investigacións ao inicio da pandemia apuntaban cara a preocupación de que os síntomas neurolóxicos puidesen atribuírse a que o virus puidese invadir e replicarse nas células cerebrais e danar directamente o cerebro. Agora, a maioría das probas indican que non é así.

"No noso artigo, acumulamos as probas que se investigaron sistematicamente e resumimos como se ve afectado o cerebro durante a covid aguda. Descubrimos que a maioría das investigacións apuntan a unha lesión mediada polo sistema inmunitario, en lugar de que o virus entre realmente no cerebro e mate as células alí", apunta Spudich.

Neste sentido, os estudos de autopsia (que ás veces poden detectar fragmentos virais no cerebro) tampouco atoparon partículas remanentes.

Outros efectos non desexados

Con todo, mesmo en ausencia dun virus replicante, a Covid-19 pode contribuír aos cambios inmunolóxicos. En concreto, os estudos apuntaron a un aumento dos marcadores de activación inmunitaria e inflamación no  LCR e o cerebro que pode ser a base dos síntomas. Por exemplo, as células inmunitarias liberan certas proteínas para combater a infección, mais estas tamén poden ter efectos non desexados que interfiren na función neurolóxica.

"Cremos que nalgunhas persoas que contraen coronavirus e sofren síntomas neurolóxicos, o sistema  inmunitario está a provocar cambios no sistema nervioso que acaban facéndoos sintomáticos", explica a investigadora.

Ademais, os científicos pensan que algúns síntomas poden estar causados pola  autoinmunidade, na que o sistema inmunitario se activa para combater un  patóxeno entrante, mais recoñece por erro as propias células do corpo como obxectivos.

"Nestes casos, o sistema inmunitario equivócase e ataca ás súas propias células cerebrais ou nerviosas periféricas, provocando consecuencias neurolóxicas ou psiquiátricas", sinala Spudich.