Un estudo afirma que o sistema inmune neutraliza a Covid-19 despois da terceira exposición

As investigadoras chegaron á conclusión de que as persoas que recibiron tres doses da vacina contra a Covid-19 sen sufrir antes unha infección contan coa mesma inmunidade que aquelas que só recibiron dúas e si estiveron contaxiados.
Unha persoa é tratada coa vacina de Pfizer. (Foto: AAPIMAGE / DPA)
photo_camera Unha persoa é tratada coa vacina de Pfizer. (Foto: AAPIMAGE / DPA)

Un equipo de investigación, formado por científicas da Ludwig-Maximilians-Universitaet de Múnich, a Helmholtz de Múnich e a Universidade Técnica de Múnich, vén de publicar un estudo no que demostran que o sistema inmunitario do ser humano neutraliza a Covid-19 despois de estar exposto á proteína viral da espiga en tres ocasións.

O traballo foi publicado na revista científica Nature Medicine, e nel detallan como esa inmunidade é aplicábel non só as primeiras variantes da Covid-19, senón que taméné visíbel en Delta ou Omicrón.

As investigadoras chegaron á conclusión de que a tripla exposición ao coronavirus favorece a produción dun gran cantidade de anticorpos neutralizantes, que, ademais, terían unha alta capacidade para cumprir o seu cometido.

Unha persoa pode estar exposta ao coronavirus en tres ocasións se xa recibiu a terceira dose da vacina, se se contaxiou durante as primeiras vagas e só recibiu dúas doses, e aquelas que, xa recibindo a segunda dose da vacina contra a Covid-19, sufriron unha infección do virus.

Estudo "emocionante"

Un dos coordinadores do traballo de investigación, Percy Knolle, cualficou de "emocionante" o estudo levado a cabo por este grupo de científicas, xa que lles permitiu "seguir a evolución da resposta inmunitaria ao longo do tempo contra o virus e despois da vacinación".

Para chegar a estas conclusións, o equipo de investigación fixo un estudo preliminar no que se comparou un grupo de persoas que contraeran o virus na primavera de 2020 con outro que non estiveran infectadas.

Tras isto, as investigadoras alemanas vacinaron todas as persoas con doses de Pfizer-BioNTech e procederon a facerlles un seguimento durante un período de case dous anos.

Despois de estudar varios parámetros relacionados coas proteínas das que depende o contaxio, o equipo investigador achou que aquelas persoas que recibiran tres doses da vacina sen ter antes unha infección previa mostraban o mesmo número de anticorpos que aquelas que, durante o proceso de vacinación, infectáranse e contaban cunha dose menos da vacina.

Comentarios