Os efectos da vacina nas residencias fornecen as primeiras pistas da súa efectividade contra a Covid-19

A usuaria dunha residencia recibe unha dose da vacina. (Foto: Álvaro Calvo / Europa Press)
Os datos de prevalencia da Covid nas residencias aínda non reflicten un cambio de tendencia. Porén desde os centros de maiores avanzan boas sensacións. A vacina funciona e a inmunidade que ofrece contribúe a reducir tanto a morbilidade como a mortalidade entre as persoas usuarias.

O pasado 14 de febreiro a Consellaría de Política Social confirmou o feche da primeira fase da campaña de vacinación contra a Covid-19 centrada no colectivo prioritario: usuarias e traballadoras das residencias de maiores e persoas con discapacidade, á espera, matizou, de completar o ciclo naqueles centros afectados por surtos de coronavirus.

 "A vacina foi un chute de optimismo", recoñece persoal sociosanitario consultado por Nós Diario. E aínda que é moi cedo para confirmar unha mellora asociada só á inmunidade que garante a vacinación, admite unha lixeira mudanza nas cifras de contaxio e mortalidade.

Unha vacina moi efectiva

Desde o Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias (CCAES), Fernando Simón avanzou esta mesma semana que xa comeza a observarse unha menor incidencia da Covid entre os maiores de 65 anos en residencias, inoculados, en comparación co mesmo grupo da poboación xeral, unha diferenza que até o de agora non se fixera notar e que apunta cara a unha alta efectividade da vacina na liña do expresado polas "poucas informacións" das que dispón as autoridades.

Primeiros resultados

"O que eu vexo nos datos das residencias é que non vexo nada aínda", recalca Daniel Gozález Peña, profesor da Escola Superior de Enxeñaría Informática da Universidade de Vigo no campus de Ourense e autor do 'Semáforo Covid Galiza'. Desde o inicio da campaña de vacinación permanece vixilante "porque é onde primeiro imos ver o efecto das vacinas" evidente xa en Israel, "onde os resultados sobre o terreo están a ser moi satisfactorios ao igualar a efectividade da vacina dos ensaios clínicos".  

O 'efecto Israel'

Israel vacinou a poboación de forma masiva, "e o que se ve é que está a descender a idade das persoas hospitalizadas e tamén o ingresos de persoas maiores".

Agora, explica González Peña, parece que todos os países que están vacinando queren ver nos seus datos "o efecto Israel". Pero  hai diferenzas que non se poden obviar. "Galiza, de momento, só vacinou poboación maior das residencias, unhas 21.000 persoas, que son un número moi pequeno respecto a poboación maior de 80 anos".

Así, conclúe, na Galiza aínda é cedo para ver un cambio de tendencia para toda unha franxa de idade, como poden avanzar xa en Israel. "Aquí calquera mudanza hai que vela no contexto das residencias. Leo moitos titulares que falan dun descenso moi rápido de casos activos. Eu vexo que baixan, si, pero no marco dun descenso xeneralizado. Non vexo diferenza na velocidade de baixada".

Co 95% dos residentes inmunizados desde mediados de febreiro, non ten sentido apurar as boas novas, di. "O que espero ver nos próximos días é como a prevalencia nas residencias é igual ou inferior á prevalencia da Covid na poboación xeral".

A pandemia demostrou que a probabilidade de contaxio en residencias foi sempre moito maior que na poboación xeral. Sempre se mantivo arriba. "Agora o que cabe esperar é que cando a incidencia xeral alcance a meseta, as residencias non queden aí e cheguen case abaixo de todo, o nunca visto".

"Apréciase certa inmunidade, menos brotes e máis leves"

Desde a Sociedade Galega de Xeriatría e Xerontoloxía confirman que tras a administración das dúas doses da vacina case no cen por cento das residencias teñen "moi boas sensacións". Co ciclo de vacinación completo "non xurdiron surtos que nos fagan pensar que a vacina non funciona". Ao contrario: "A aparición de focos reduciuse de forma drástica, e os que se deron, despois da primeira dose foron máis leves e presentaron unha sintomatoloxía máis liviá tamén", afirma José Manuel Pérez, vogal da Sociedade, enfermeiro e director dunha residencia na comarca de Ferrol. "Levamos meses tomando medidas e a vacina chegou nun momento en que sen dúbida contribuíu ao control da transmisión, ao descenso da morbilidade e, en consecuencia, da mortalidade", conclúe.