Orzamentos

Educación gastará en 2024 máis de 29 millóns de euros en aulas de relixión

Profesorado de relixión nun retiro en febreiro co bispo da diocese Mondoñedo-Ferrol (Foto: Diocese Mondoñedo-Ferrol)
Un total de 29.308.961 euros vai gastar no vindeiro curso a Consellaría de Educación en pagar ao profesorado de relixión no vindeiro curso. Esta é a cantidade que figura no proxecto de orzamentos para 2024 do departamento que dirixe Román Rodríguez. Trátase dunha cifra similar á de 2023, mais superior á dos anteriores exercicios.

A Consellaría de Educación dedica neste curso 29,3 millóns de euros ao pagamento do profesorado de relixión. Un persoal docente integrado actualmente por perto de 690 profesores e profesoras que a Administración galega paga mais que designa a Igrexa, a mesma que se encarga de determinar que contidos se dan ou non na materia de relixión, que na Galiza cursan máis de 160.000 alumnos e alumnas. 

O profesorado de relixión en Secundaria, Formación Profesional e outras ensinanzas supón o vindeiro ano para a Consellaría un gasto de 10,5 millóns de euros. Aquí o número de docentes no curso 2022-2023 (último contabilizado) foi de 218. Para Ensino Infantil, Primaria e ESO, esa cantidade elévase no proxecto de contas para 2024 até 18,7 millóns de euros. O número de profesores no curso antrior era de 468.

Eses case 30 millóns de euros para pagar este profesorado elixido polos Episcopados —e que deben ter a declaración eclesiástica de idoneidade outorgada pola Diocese correspondente e que dá fe dunha doutrina "recta" e testemuña a "vida cristiá"— equivalen, por exemplo, a 50% do que a Consellaría destina este curso a comedores escolares, por volta de 60 millóns de euros e que atende 60.000 alumnos e alumnas.

Materia e persoal

Este persoal docente —que figura como "laboral temporal" no proxecto de orzamentos— non accede ao seu posto a través de exames ou oposicións, senón que é escollido pola Igrexa. É ela quen decide que determinada persoa, que vai ser paga con diñeiro público, sexa contratada para impartir esta materia, e tamén quen decide sobre a súa continuidade ou despedimento.

Entre 2020 e 2024 a Xunta da Galiza destinará finalmente máis de 143 millóns de euros a pagar o profesorado de relixión. "Paga a Xunta mais decide a Igrexa", resumía Suso Bermello, secretario nacional da CIG-Ensino, o sindicato maioritario entre o profesorado, a situación. Unha situación que tamén se dá a respecto do propio contido da materia: "É a Igrexa quen determina o que vai aí e o que non".

Pública e privada

Por volta de 160.000 alumnos e alumnas galegas cursaron a materia de relixión en 2022/23. Os datos do Ministerio de Educación mostran unha diferenza máis que notábel á hora de optar por relixión entre o estudantado de centros públicos e o de centros concertados/privados. No que respecta a Primaria, 53% do alumnado na pública cursa esta materia, mentres que na concertada e privada a porcentaxe elévase a 77,6%. Unha fenda que tamén se rexistra en Secundaria —ao redor de 51% de estudantes na pública elixen relixión por un 75% nos outros—.

No Bacharelato é onde a diferenza máis se alarga: mentres apenas 30% de estudantes dos centros públicos cursan relixión, nos concertados e privados esa porcentaxe é 33 puntos maior: 63%, o duplo.

46% máis que as partidas para impulsar a FP

O orzamento da Consellaría de Cultura Educación, FP e Universidades para o 2024 é de 2.976 millóns de euros, apenas 2,8% máis que o vixente. É das consellarías que menos soben neste novo exercicio, e de aplicarmos a suba da inflación, as contas sofren mesmo unha caída de 150 millóns a respecto das de 2023.

Os case 30 millóns de euros que se van destinar a pagar o profesorado de relixión supoñen 46% máis das partidas que se destinan a Formación Profesional, unha modalidade que a Xunta da Galiza insiste en situar nestes anos como exemplo de aposta “modélica” na Galiza. Entre as principais partidas das contas de Educación para o ano que vén figuran as destinada ao transporte escolar, con 123 millóns; os 65,7 millóns do Plan de arquitectura pedagóxica cos cales se sufragarán, entre outras actuacións, o novo CEIP do Milladoiro (Ames) e do IES de Navia (Vigo), e os 60 millóns para comedores escolares.

A Galiza atópase á cola do Estado en investimento educativo. Segundo os datos achegados pola Autoridade Independente de Responsabilidade Fiscal para 2022, o país está entre os territorios que menos destinan por habitante e ao ano en ensino: 1.043 euros. Só outras catro comunidades, Asturias, Madrid, Castela e León e Castela A Mancha, invisten menos que Galiza.