Social

Educación supedita as oposicións a que o Goberno español levante o estado de alarma o 11 de abril

Oposicións en Silleda (Xunta).
Desde a Consellaría de Educación aseguran que a decisión de manter, ou non, o proceso de oposicións dependerá de se se prorroga o estado de alarma máis aló do 11 de abril. 

A realización das oposicións de profesorado na Galiza dependerá da prórroga do estado de alarma. Esta é a postura que a Consellaría de Educación, Universidade e Formación Profesional trasladou ao Ministerio dirixido por Isabel Celaá, que sondeou os diferentes territorios do Estadosobre a súa opinión do mantemento, ou non, dos procesos selectivos ante a crise sanitaria aberta polo coronavirus.

A postura da Galiza non cambiou: aínda hai marxe para celebrar a OPE. Segundo trasladan a Europa Press desde o departamento dirixido por Carmen Pomar, a decisión de manter ou non o proceso de oposicións dependerá de que se se prorroga, ou non, o estado de alarma decretado polo Goberno estatal máis aló do 11 de abril.

"No caso de non prorrogarse, estariamos en prazo para levar a cabo o proceso con normalidade", consideran desde a Xunta, polo que as oposicións celebraríanse no caso de levantarse as medidas de confinamento e a situación de alarma.

O Goberno galego vincula, así, a súa decisión definitiva aos movementos do Executivo de Pedro Sánchez de cara ao mes de abril ante a loita do coronavirus, o que contrasta coa postura manifestada por parte de sindicatos como CIG-Ensino, que instou o departamento de Pomar a dar unha aclaración explícita sobre a convocatoria da OPE.

Procesos cancelados noutros territorios 

A diferenza da Xunta da Galiza, varios Gobernos xa anunciaron a súa intención de aprazar até 2021 as oposicións previstas este ano. É o caso de Cantabria, Andalucía, Comunitat Valenciana, Rexión de Murcia, Aragón, Castela e León e Castela-A Mancha.

"Os opositores non se merecen isto"

Desde a CIG, principal sindicato no ensino público galego, lamentan ter que enterarse polos medios da decisión da Consellaría de Educación, malia os requirimentos desta organización sindical (20 e 26 de marzo),  para que aclarase que ía facer a respecto das oposicións

Para a central, a posición da Xunta é "claramente unha tomadura de pelo. Non debe haber ninguén que neste momento dubide que, como mínimo, o estado de alarma vai continuar unha quincena máis. A CIG-Ensino xa expresou a súa proposta o pasado día 26 de marzo; unha proposta que partía do que claramente incumpren os responsábeis políticos: asunción de competencias, transparencia, rigor, garantía e decisión final con suficiente antelación".