Social

A CIG-Ensino demanda ao Estado a "anulación definitiva" da taxa de reposición no sector educativo

Suso Bermello durante a reunión virtual (CIG).
A central sindical pide unha volta á situación na que Galiza tiña plena competencia para ofertas as prezas das oposicións, situación que mudou coa crise económica do 2008 coa introdución da taxa de reposición. 

A CIG-Ensino demanda na Mesa de Educación do Estado a "anulación definitiva" da taxa de reposición no sector educativo e un novo sistema de acceso para as profesionais. A petición tivo lugar na xuntanza por videoconferencia convocada polo Ministerio de Educación e FP esta sexta feira.

No encontro virtual secretario nacional da CIG-Ensino, Suso Bermello, criticou a "descoordinación da Consellaría de Educación nas primeiras 72 horas da aplicación da emerxencia sanitaria na Galiza, con instrucións contraditorias e que levaron ao sindicato a denunciar publicamente as decisións inicialmente adoptadas pola Xunta". Unhas decisións que cualificou de "irresponsábeis" e "claramente insuficientes" ao manter a obriga de que un membro do equipo directivo permaneza a diario en centros educativos sen actividade, feito que foi recorrido pola central sindical. 

O motivo central da convocatoria foi a necesidade do Ministerio de modificar novamente o Real Decreto 276/2007 polo que se rexen as oposicións aos corpos docentes, segundo traslada a CIG-Ensino. "A razón nace da contradición entre o texto reformado no ano 2018", explica Bermello, "que extende até a oferta de emprego de 2019 da posibilidade de ofertar máis prazas que as que son froito de xubilacións e defuncións (o que se denomina taxa de reposición), podendo ampliar a oferta con prazas estruturais ou vacantes ocupadas por persoal interino". Para que esa medida se poda estender ás ofertas públicas de emprego (OPE) de 2020, o Ministerio precisa levar a cabo agora outra introduce modificación.

Para o sindicato maioritario no sector educativo na Galiza a taxa de reposición debe ser suprimida "para podermos voltar á situación previa a 2010, cando cada territorio tiña plena competencia para ofertar as prazas docentes que considerase oportuno, sen estar atado pola taxa de reposición·. "Todo o demais serán, como esta modificación, parches insuficientes", sinalou Bermello. 

Oposicións na Galiza

"A dúbida que neste momento temos todas e todos sobre que vai pasar finalmente coa celebración dos procesos selectivos en Galiza non era tema desta Mesa, xa que nada ten que dicir o Ministerio ao ser competencia exclusiva da Consellaría de Educación, a quen a CIG-Ensino xa se dirixiu para que a decisión que se adopte a este respecto sexa prudente e respectuosa cos tempos, evitando que se estenda a incerteza das persoas aspirantes, para o que a Xunta ten que ter claro xa nestes momentos cal é o prazo límite para tomar a decisión e facelo canto antes", aseverou o secretario nacional, Suso Bermello.