O profesorado Celga será readmitido pola Consellaría de Educación segundo lle foi comunicado á CIG-Ensino. O goberno galego executará, desta maneira, as sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza que daban a razón ao colectivo docente recoñecendo a relación laboral que existira coa Xunta de Galiza e o seu despedimento improcedente cando o profesorado reclamou os seus dereitos laborais.
Serán incorporad@s ao cadro de persoal como indefinidas discontinuas todas aquelas persoas que conten cunha sentenza favorábel do Superior de Xustiza, segundo informa nun comunicado a central sindical nacionalista que reclama ao goberno galego a convocatoria inmediata dos cursos Celga deste ano.
En conflito desde 2013
A máxima instancia de Galiza fallou en catro ocasións, até o momento, en favor d@s docentes e rexeitou o recurso suplicatorio presentado pola Consellaría de Educación. As sucesivas instancias recoñeceron os dereitos laborais do profesorado e a actitude "represiva" da Consellaría de Educación procedendo ao seu despedimento logo de iniciaren unha longa batalla en defensa dun contrato laboral e a súa correspondente alta na Seguridade Social.
O conflito remóntase ao ano 2013 cando @s docentes denunciaron a súa situación laboral. “Traballamos sen contrato nin Seguridade Social para a Xunta”, aseguraban naquela altura en declaracións a Sermos Galiza.
Malia que Inspección de Traballo deu a razón ao colectivo docente e á CIG-Ensino, Educación procedeu ao despedimento d@s traballador@s. A finais de 2014 contábanse por ducias as sentenzas favorábeis en primeira instancia e, nos últimos meses, xa son catro as persoas ás que o Tribunal Superior de Xustiza lle ratifica esta posición.