A educación que deixa Feixoo en 7 cifras

As axudas públicas ao ensino privado teñen aumentado nos anos de Goberno de Feixoo. (Foto: Eduardo Sanz / Europa Press).
O sistema educativo é un dos piares chave do modelo de benestar. A un tempo, contribúe ao desenvolvemento dunha sociedade e actúa como ferramenta para igualar o conxunto dos seus integrantes. Neste sentido, existe un consenso xeneralizado sobre a súa contribución á mellora da calidade de vida. Eis as sete cifras que deixa a etapa de Alberto Núñez Feixoo como presidente da Xunta da Galiza.
 

1.— 146 centros educativos públicos foron fechados polo Executivo galego desde a chegada de Núñez Feixoo á Presidencia da Xunta. A 31 de decembro de 2008, tres meses antes de que os populares acadasen o Goberno, Galiza contaba con 1.246 centros escolares de titularidade pública, ficando abertos 11 anos máis tarde 1.082.

Segundo as cifras ofrecidas polo Instituto Galego de Estatística (IGE), organismo público dependente da Administración galega, a maior parte dos feches das unidades educativas concentrouse nos espazos rurais e vilegos, producíndose unha redución xeneralizada da oferta formativa no conxunto do país.

866 docentes menos

2.— 866 docentes menos haberá para o curso 2022/2023. Nun informe elaborado pola CIG, sindicato maioritario entre o profesorado galego, sobre os Orzamentos da Xunta de 2022 sinálase que para ese curso o número de ensinantes na educación pública será de 30.439, mentres en 2009 se situaba en 30.424. 

Neste sentido, os principais recortes téñense producido entre os mestres de infantil e primaria, só rexistrándose aumento en Secundaria e Formación Profesional, como consecuencia das contratacións efectuadas durante a pandemia como resultado dos incrementos das ratios modificadas pola situación de emerxencia sanitaria.

3.— 15,44 é a porcentaxe de perda de poder adquisitivo que se rexistrou nos salarios do profesorado desde 2010. Os traballadores públicos viron reducido o seu poder de compra en 2010, 2011, 2012, 2013, 2016, 2017 e 2021, prevéndose unha mingua considerábel para 2022 como consecuencia da alza da inflación. Ao tempo, a Galiza foi o único territorio que non pactou a devolución das pagas extras retalladas entre 2021 e 2016, provocando, segundo a CIG-Ensino, "unha perda dunha media de 6.500 euros para cada docente".

4.— 5.000 ensinantes xubilaranse nos próximos cinco anos, ao situarse máis de 7.753 ensinantes entre os 55 e os 65 anos, e 2.657 deles, na franxa de idade entre 60 e 65, colocándose así o corpo de mestres e as especialidades con máis docentes como o grupo máis numeroso.

Así, entre os primeiros destacan 1.316 mestres de Primaria, 488 de Infantil ou 249 de Inglés, significándose, entre os segundos, 500 ensinantes de Inglés, 477 de Lingua galega, 355 de Xeografía e Historia e 343 de Matemáticas. Nesta liña, desde a CIG-Ensino sinalan que "o cadro de persoal do sistema educativo galego é o máis avellentado do Estado español" e reclaman convocatorias masivas de oposicións.

5.— 4% de caída do gasto educativo no total dos orzamentos da Xunta desde o curso 2009/2010. De comparar as contas educativas coas do conxunto do Goberno galego nos orzamentos de 2022 advírtese un lixeiro incremento ao respecto do ano anterior mais fica moi lonxe da relevancia de Educación nas contas xerais producidas nos exercicios 2006-2009 (no Goberno de PSdeG e BNG na Xunta). 

Así, mentres naqueles anos se superaron porcentaxes de 26% no gasto educativo sobre o gasto total da Xunta, nas contas de 2021 non superan 21%. Nesta liña, o último orzamento da Xunta bipartita recollía 2.432 millóns de euros para Educación, que representarían hoxe, 2.811 millóns, non chegando o gasto de 2021 a 2.700 millóns.

Concertos educativos

6.— 140 concertos educativos máis sumou a Galiza nos últimos 12 anos, pasando de 3.836 aulas en 2008 a 3.967 aulas no ano lectivo de 2021/2022. Ao tempo, téñense incrementado en 18% os fondos públicos destinados pola Consellaría de Educación a financiar o ensino privado. 

Se no último curso no que a Xunta estivo gobernada pola coalición entre o PSdeG e o BNG as achegas do Executivo alcanzaron 239 millóns, no curso 2020/2021 situáronse en 276,4 millóns de euros. Mentres, neses 12 anos o orzamento destinado ao ensino público non universitario medrou en 18 millóns de euros, isto é menos de 1%. As achegas ao privado incrementáronse en 37,4. 

7.— 19,6 millóns de euros menos destináronse a bolsas educativas desde a chegada de Núñez Feixoo á Xunta da Galiza. Segundo se recolle nos anuarios do Ministerio de Educación, as partidas destinadas polo Goberno galego a bolsas e axudas á educación en 2008, último ano do Executivo bipartito, sumaban 35 millóns de euros, porén, esa contía pasaba a 15,4 millóns de euros no curso 2019/2020, marcando unha baixa de 57% nunha década. 

Malia a complicada situación económica da última década, o Goberno galego continuou reducindo as liñas da axuda para facilitar o acceso á educación aos sectores economicamente máis desfavorecidos.