Educación modificará a normativa de currículos para crear novas optativas

O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, gabou o decreto de plurilingüísmo (Foto: Xunta da Galiza)
O cambio do decreto permitirá novas materias en ESO e Bacharelato

A Consellaría de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades prepara unha modificación do decreto dos currículos de Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) e Bacharelato que abrirá a posibilidade de crear novas materias optativas ademais das contempladas.

Trátase dun documento abordado onte cos sindicatos CIG, CCOO, UXT e Asociación Nacional de Profesores Estatais (ANPE) na Mesa Sectorial e que, segundo o texto, ten o obxectivo de estabelecer unha "formulación aberta" para posibilitar a incorporación de novas materias que amplíen a oferta dos centros. O novo decreto modifica os textos anteriores que fixaban a oferta de materias en ESO e Bacharelato.

Esta normativa está adaptada á última lei educativa estatal (Lomloe) que entrou en vigor no actual ano académico -2022/23- para os cursos impares, co obxectivo de que se estenda o próximo aos pares. A nova redacción introducirá novos parágrafos que permitirán á Consellaría de Educación o incremento de materias, aínda que non se menciona ningunha concreta nin en que prazo se poderá habilitar esta ampliación.

O representante de CIG-Ensino Diego Boquete sinalou que "se se fan as cousas a tempo, poderían chegar para o curso 2023/24", aínda que non é seguro. Así, indica que esta medida permite "recuperar" materias que non estaban no decreto publicado en maio, aínda que algunhas xa se ofertaban nos centros galegos, entre as que cita Ciencias da Terra, Robótica e Imaxe e Son.

Pola súa parte, o portavoz de CCOO, José Manuel Fuentes, celebra a "rectificación" da Xunta tras os "recortes" que supuxo o decreto cos currículos.

Desde a ANPE, reclamaron á Consellaría que se poida "debater a carga horaria e distribución" e suxiren a introdución de novas materias.