Educación estudará os avisos da Inspección pero defende a súa xestión do coronavirus no ensino

Un grupo de crianzas nunha aula de educación infantil. (Foto: Europa Press)

O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, comprometeuse a investigar os avisos por deficiencias nos centros. A CIG-Ensino fixo pública a existencia destas advertencias de Inspección de Traballo.

Educación avaliará as diferentes deficiencias e incorreccións no plan de protección do persoal detectadas pola Inspección de Traballo na xestión do coronavirus nos centros educativos. Así o asegurou o responsábel do departamento, Román Rodríguez, que en calquera caso defende o marco estabelecido pola Xunta.

De esta forma respondeu o representante da Xunta á denuncia feita esta terza feira pola CIG-Ensino ao respecto da existencia dun requirimento da Inspección de Traballo e da Seguridade Social á Consellería de Educación.

Segundo comentou a central sindical, esta área do Goberno da Xunta leva cometidas diversas deficiencias e incorreccións, desde a perspectiva da protección da saúde do persoal que traballa ao seu cargo nos centros educativos desde que comezou este curso.

Interrogado ao respecto, Rodríguez subliñou que haberá un estudo sobre eses avisos relativos á protección do profesorado e traballadoras dos centros educativos do país fronte á pandemia.

Porén, defendeu que a estratexia marcada pola Xunta e seguida por cada infraestrutura a través de plans de continxencia específicos está a funcionar correctamente.

“Cada centro elabora o seu plan de continxencia e aí están todos eses aspectos”, aclarou Rodríguez sobre as acusacións da CIG.

Identificar tarefas de risco

Na súa denuncia, o sindicato fala dunha carencia de actualizacións nos protocolos fronte á Covid-19, de que non se identifican as tarefas de máis risco, de que o persoal non tivo unha adaptación “suficiente”. Tamén fala das “incongruencias” que se dan cos equipos de protección individual (EPI).

Rodríguez tamén asegurou que se remitiron “fondos” aos centros educativos para mercar o material preciso para a protección axeitada das persoas. Malia este argumento, Inspección convocou á consellaría para explicarse o 16 de decembro.