Educación estrea lexislatura eliminando 330 docentes fix@s na Coruña

Aínda que as xefaturas territoriais de Lugo, Ourense e Pontevedra non achegaron aínda datos das vacantes a cubrir no Concurso de translados, CIG-Ensino estima que as cifras de destrución de emprego serán similares e que en total, no País, se suprimirán pola volta dun milleiro. O PP fechou o mandato anterior recortando no ensino público 2.500 empregos


A consellaría de Educación vén de entregar nestes días a proposta de vacantes a cubrir con carácter definitivo no Concurso de translados dos corpos docentes. Segundo os datos facilitados pola xefatura territorial da Coruña, o departamento que dirixe Jesús Vázquez pretende eliminar 330 postos de traballo fixos ocupados até agora por funcionari@s.

Aínda que a información "chegou tarde e é incompleta", o sindicato CIG, con presenza maioritaria no Ensino, bota contas e advirte de que "é de supoñer que o criterio de redución e as cifras serán semellantes en Lugo, Ourense e Pontevedra". Por tanto, en todo o País o PP destruirá pola volta máis un milleiro de empregos fixos no ensino público, e veñen sumarse aos máis de 2 mil 500 que foron eliminados durante a pasada lexislatura.

Insiste CIG-Ensino en que a redución ou amortización de postos fixos "ten unha repercusión directa na calidade educativa", para alén de incidir na masificación das aulas, nomeadamente no rural, e no incremento das ratios en todos os niveis do ensino. "As primeiras mostras" da política educativa do PP após as eleccións do 21-O confirman que "seguirán os recortes na pública namentres se manteñen todos os fondos destinados á concertada".