Educación confirma a incorporación da Filosofía ao currículo da ESO

A partir do vindeiro curso entrará como materia optativa no currículo da Educación Secundaria Obrigatoria

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, confirmou a presenza da Filosofía a partir do próximo curso como materia optativa para o alumnado da ESO, sen concretar en que curso se vai ofertar.

Fíxoo no transcurso dunha entrevista no programa 'Galicia por Diante' da Radio Galega, onde  explicou que o seu departamento está traballando no reforzo dos contidos humanistas dos currículos para arranxar "as eivas da parte estatal dos textos" elaborados polo Ministerio de Educación.

Segundo informa a Consellaría nun comunicado, o Goberno galego tamén buscará darlle impulso ás competencias técnicas e STEM.

Filosofía

A reorganización das materias educativas elaborada polo Executivo estatal, divulgada a finais do ano pasado, modificou máis unha vez a oferta de Filosofía. Quedou fóra do currículo da ESO, desatendendo a petición do profesorado, e deixou a súa presenza nas aulas en mans dos territorios.

Agora, Galiza avanza que vai introducir como optativa a materia de Filosofía en ESO. Mais sen precisar en condicións xa que os equipos de traballo están perfilando a parte autonómica para ver en que curso se vai ofertar esta achega ao pensamento.

"O obxectivo é formar cidadáns críticos, libres e que non sexan manipulables", afirmou Román Rodríguez.

A esta proposta Educación engade a incorporación da Historia de España anterior a 1812 na etapa de Bacharelato, "obviada" polo Goberno do Estado no currículo aprobado onte no Consello de Ministros. Mais sen ningunha referencia a contidos da Historia da Galiza.

Críticas ao Goberno

O conselleiro censurou a constante tardanza por parte do Ministerio e os cambios introducidos nos textos e acusouno de estar a xerar "un caos e improvisación que pon en serio risco a organización do curso".

"As Comunidades estabamos traballando con borradores que son diferentes aos textos publicados, polo que precisamos dun tempo de adecuación de contidos ademais doutro de tramitación administrativa dos nosos decretos para o que se precisan entre seis e sete meses", sinalou, o que significa que "imos iniciar o curso sen ter aprobados os decretos".