PROTESTAS

Educación aproveita o baixo seguimento da folga e di que ''a comunidade educativa valora o noso esforzo''

CC.OO. responde a esta interpretación e lémbralle a Jesús Vázquez que ''todas as mobilizacións anteriores tiveron unha participación masiva''. A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público segue cos peches rotatorios nos IES, e @s estudantes de Socioloxía que ocuparon onte a facultade abandonárona hoxe coa previsión de retomar as protestas en setembro

Baile de números máis unha vez, desta volta respecto da xornada de folga no ensino convocada esta terza por CC.OO. na Galiza co apoio da Plataforma en Defensa do Ensino Público. A consellaría de Educación, que se curou en saúde días antes do paro para restarlle importancia, ao ser unha chamada feita "por un só sindicato", aproveitou despois a baixa repercusión que tivo para interpretar "que a comunidade educativa valora o esforzo da Xunta a prol do ensino".

O departamento que dirixe Jesús Vázquez reduce até o 3,36% o seguimento da folga en Infantil, Primaria e Secundaria, porcentaxe que CC.OO. eleva até "o 25% ou o 30%, dependendo da provincia". A secretaria xeral para o Ensino nesta central, Machús Fernández, respóndelle á Consellaría: "El@s saben que non é verdade --a reflexión de que o baixo seguimento implica aceptación das políticas emprendidas--, pois as mobilizacións que se fixeron até o de agora tiveron unha participación masiva", e cualifica o paro de "bastante exitoso para as circunstancias en que se produce".

Así as cousas, Fernández valora de xeito positivo a implicación das nais e pais, que non enviaron @s fill@s á escola, así como a participación do profesorado e a acollida que o paro tivo no ensino universitario, onde "practicamente as aulas ficaron baleiras", di o sindicato organizador. "É certo que a participación foi menor da que desexariamos", aprecia a secretaria xeral de CC.OO.-Ensino, mais asegura que a implicación "de toda a comunidade educativa" deixa claro o "rexeitamento" aos recortes na educación pública.

"Desde a Xunta dixeron tamén que se trataba dunha folga política. Os argumentos son os de sempre", lamenta Fernández, quen baralla como posíbeis causas do baixo seguimento as consecutivas mobilizacións contra as medidas aprobadas polos gobernos galego e español, que se achega o final do curso académico e a falta de unidade sindical. No Estado español a folga estivo apoiada por CC.OO., FETE-UGT, ANPE, CSIF e STES-I.

A Plataforma Galega segue cos peches; @s estudantes de Socioloxía xa abandonaron a facultade
Pola súa banda, a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público continúa cos peches que se iniciaron o pasado 14 de maio e que se estenden por todo o país. Esta terza foi a quenda do IES Menéndez Pidal (Zalaeta), na Coruña, e o calendario continúa con accións en Pontevedra (23 de maio), Lugo (24 de maio), Burela (25 de maio), O Morrazo (29 de maio), A Guarda (30 de maio), Carballo (31 de maio), Ourense (1 de xuño).

Ao peche no Zalaeta sumaranse @s estudantes de Socioloxía da UdC que na segunda feira decidiron en asemblea ocupar a facultade como acto simbólico en contra dos recortes e perante a constatación da "necesidade de fortalecer o movemento estudantil para enfrontar a degradación do Ensino público e contrarrestar a falta de conciencia crítica entre o estudantado". O peche no edificio durou unha noite, aínda que xa se falou de retomar as mobilizacións en setembro, coa chegada do novo curso académico.