EDUCACIÓN

Medra a contestación social contra o ''despezamento do Ensino público''

Imaxe: Galiza Contrainfo
A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público segue co calendario de peches rotatorios nos centros: nesta semana toca Vigo, A Coruña, Pontevedra, Lugo e Burela. A Plataforma en Defensa do Ensino Público, pola súa banda, apoia a folga desta terza, convocada na Galiza só por CC.OO, e chama ás mobilizacións desta noite e ás manifestacións de mañá. Un grupo de estudantes de Socioloxía na UdC decidiron en asemblea ocupar a facultade

O calendario de mobilizacións contra a aplicación na Galiza do Real Decreto-lei 14/2012, que viu a luz no Congreso amparado na maioría absoluta do PP, ten cada vez máis citas anotadas.

A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público --BNG, CIG-Ensino, AS-PG, Comités, Liga Estudantil, Galiza Nova e varias asociacións de nais e pais-- continúa coa cadea de peches rotatorios iniciados no IES Rosalía de Castro. A outra plataforma --Plataforma en Defensa do Ensino Público--, de que fan parte CC.OO-Ensino, FETE-UGT, CSI-F, CONFAPA, IESGA, o Sindicato de Estudantes e Escola Viva--, chama á folga convocada para esta terza. Pola súa banda, un grupo de estudantes de Socioloxía da UdC --Universidade da Coruña-- decidirá en asemblea se ocupan a facultade. Mais, vaiamos por partes.

Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público
O IES San Tomé de Freixeiro, en Vigo, é a nova parada da Plataforma Galega para realizar un peche que durará toda a tarde de hoxe e toda a noite, até mañá ás 9 da mañá. O obxectivo é o mesmo de sempre, mais cómpre recalcalo: estudantes, docentes, nais e pais exixen á consellaría de Educación que descarte aplicar na Galiza un decreto cargado de recortes que foi redactado en Madrid, e que presente contra el un recurso perante o Tribunal Constitucional porque invade competencias transferidas á Xunta.

Os seguintes peches serán na Coruña --22 de maio--, Pontevedra --23 de maio--, Lugo --24 de maio--, Burela --25 de maio--, O Morrazo --29 de maio--, A Guarda --30 de maio--, Carballo --31 de maio--, Ourense --1 de xuño--. E para o 3 de de xuño está convocada unha mobilización nacional en que unirán folgos as plataformas en defensa da Educación e da Sanidade públicas.

Plataforma en Defensa do Ensino Público
Máis inmediata é a xornada de folga marcada para esta terza feira, á que o conselleiro de Educación restou importancia recentemente ao estar apoiada na Galiza "só por un sindicato", en referencia a Comisiones Obreras. Pois ben, o paro, con manifestación ás 20h, está convocado en todo o Estado español por esa central, ademais de UGT, STES, ANPE, e CSI-F --e apoiada pola Plataforma en Defensa do Ensino Público--. Desde esta noite teñen xa actividades preparatorias, con concentracións nas cidades.

Así, na Galiza haberá protestas en Ferrol, ás 23 horas no IES Sofía Casanova; na Coruña, ás 22:30 horas no aparcadoiro da antiga Escola de Maxisterio; en Santiago de Compostela, ás 22 horas na avenida de Compostela, en paralelo ao paseo da Ferradura, no Campus Vida; en Pontevedra, ás 22 horas na praza da Peregrina; en Vigo, ás 23 horas na rúa Príncipe e en Lugo, ás 23 horas, diante da Subdelegación do Goberno español.

Asemblea de estudantes en Socioloxía
Un grupo de estudantes de Socioloxía da Universidade da Coruña quixeron tamén sumar a súa voz á contestación social que "o gravísimo despezamento do Público" está a ter na Galiza. Logo dun serán de actividades na facultade en que se imparte esta titulación, realizouse unha asemblea na que se votou pola ocupación do edificio, ante a constatación dunha "necesidade de fortalecer o Movemento estudantil para enfrontar a degradación do Ensino público e contrarrestar a falta de consciencia crítica entre o estudantado".

As actividades consistiron en palestras sobre o Proceso de Bolonia, a reforma do Código penal que pretende o PP e a situación da educación pública no país que serviu de experimento das teses da Escola de Chicago, Chile. Foron impartidas por prestixios@s investigador@s e profesor@s da UDC e a súa participación é aberta. Ademais, houbo pases de documentais en horario nocturno: The Inside Job e/ou Lavorare con lentezza. O estudantado decidiu, así mesmo, apoiar o peche que a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público convocou para esta terza no IES Zalaeta.