Pensar a Galiza pos-Covid

Eduardo Alonso: “Nas últimas décadas as institucións non acompañaron a un sector cultural que demostrou dinamismo e ganas de traballar”

Eduardo Alonso
Director, dramaturgo, xestor e emprendedor, Eduardo Alonso é un dos piares do teatro profesional na Galiza. Fundador xunto coa actriz Luma Gómez de Teatro do Noroeste, primeiro director do Centro Dramático Galego, vicepresidente da Academia Galega de Teatro e un dos protagonistas da profesionalización do teatro e un incansábel activista a prol da cultura e a lingua galegas. Alonso vén de participar na organización do I Congreso Internacional do Teatro e quixemos falar con el dun proxecto que se atreveu a mirar o futuro a dez anos vista.

Cales son as principais conclusións, de cara ao futuro, que se sacan da realización do Congreso Internacional do Teatro Galego?

Eu saco unha conclusión xeral que está enunciada por Cristina Domínguez na súa conferencia inaugural: hai que estabelecer outros mecanismos e outras fórmulas de xestión para a creación. Esta estrutura actual de dependencia das axudas e subvencións está cuestionada por todos os creadores, e xa non só pola pandemia, senón polas fallas que se veñen detectando desde hai anos. Hai que estabelecer un novo modelo no que ten que estar implicado o sector e todas as administracións: non só a Xunta da Galiza, senón tamén as deputacións e os concellos, que son moi importantes nestes procesos. E a sociedade en xeral ten que asumir un papel máis protagónico neste proceso, ten que estar preparada para responder a estes retos.

En concreto, no teatro detectamos algunhas disfuncións que teñen consecuencias moi graves, como a falta de coordinación entre o ensino –neste caso a Escola Superior de Arte Dramática– e a profesión, ou entre os creadores e os xestores, que están no mesmo bando pero que manteñen algunhas diferenzas que fan que as cousas non evolucionen tan rápido como todos desexariamos. 

E logo, eu salientaría os dous informes que se fixeron públicos no propio Congreso. Por unha banda, o que elaborou o Consello da Cultura Galega, que dá datos que nos sorprenderon un pouco a todos pero que están baseados nun traballo de campo moi minucioso sobre o público, os espazos de exhibición… E por outra banda, o informe que presentou o director do Centro Dramático Galego, que soña para o 2030 un proxecto moi completo mais que, na práctica, non dá un só paso para que ese proxecto se materialice. Chamoume moito a atención pero, en fin, se cadra aprendemos cousas sobre as estratexias das institucións.

En xeral, creo que quedou un ambiente de optimismo e unha sensación de que hai ganas de traballar para que as cousas muden e se progrese. De feito, ao finalizar o Congreso a Academia do Teatro tivo moitas solicitudes de ingreso procedentes de todos os sectores, e iso significa que hai un certo desexo de poñerse a traballar.

Vostede foi unha persoa que participou moi activamente na creación dun sistema cultural galego que se puña en marcha coa chegada da democracia e que, por moitas razóns, non acabou de cristalizar naquilo que se proxectara, nun proxecto de país. Que foi o que fallou?

Creo que as institucións non acompañaron a un sector que demostrou dinamismo e ganas de traballar, só apoiaron en momentos moi puntuais e de forma moi secundaria. E neses breves momentos das últimas décadas demostrouse que a colaboración entre as administracións e as persoas creadoras permite avanzar de forma rápida e eficaz: foi neses períodos onde logramos consolidar algúns logros. Nos últimos dez anos asistimos a un absoluto desmantelamento das estruturas culturais, unhas veces de forma intencionada e outras, por omisión ou desleixo. 

Tamén é certo que tampouco houbo un apoio constante da sociedade. Houbo momentos en que si existiu ese apoio –que é complicado de construír e manter– e que foi alén do cultural: ten un sentido social e político. Eu lembro colas enormes ante as portas dos teatros, mais ese apoio durou pouco, se cadra porque non soubemos tanto a Administración coma os axentes culturais, manter esa ligazón coa sociedade.

Por outra banda está ese dato do informe do CCG que mencionabas que di que o público galego lle outorga unha nota de 9,1 ás producións teatrais do país.

Iso quere dicir que os que van ver teatro galego avalíano cunha nota moi alta. Pero a min os que me faltan son os que non van, que son moitos. É a eses aos que hai que convencer que ese é o seu teatro, o que os expresa. Por iso insisto tanto na necesidade de estar atentos ás necesidades da sociedade, de reflectilas no noso traballo como creadores. 

Non me preocupa tanto os que van, que eu detecto que están moderadamente satisfeitos, preocúpanme os que non van. Agora mesmo, a xente está moi informada e creo que consumir teatro ou, en xera, cultura galega responde a unha vontade clara de facelo. Pero non consumila tamén indica que hai unha vontade clara de non facelo. Niso é no que temos que traballar, nos que se manteñen alleos ao teatro e á cultura galega, para que o sintan como unha expresión propia. 

E cal cres que é o papel que xogaron os medios de comunicación nesa desafección dunha parte da sociedade cara á súa cultura?

Os grandes medios de comunicación deste país foron os primeiros en abandonar a cultura. Afortunadamente, agora apareceu unha enorme multitude de mecanismos –desde as redes sociais até os novos medios dixitais pasando polos pequenos medios que se centran na Galiza– que están tendo un enorme protagonismo na difusión da nosa cultura. Quizais ese sexa o camiño que teremos que seguir, porque os medios clásicos abdicaron da nosa cultura hai moito tempo e están ocupados con outros intereses. 

Non os vexo irrecuperábeis, pero creo que habería que pór en marcha unha estratexia moi contundente para que volvesen ter un certo interese pola creación feita na Galiza.

A entrevista na íntegra podes lela no Nós Diario en papel ou na nube. Se aínda non es subscritora ou subscritor podes facelo aquí: http://bit.ly/3hCH3Qu