Edgewater teima en abrir Corcoesto

Nun comunicado de imprensa, a empresa canadense asegura que seguirá adiante coa explotación que Feijóo deu por cancelada durante o debate do estado da Nación. Quéixanse de que a Xunta mudara en xullo as regras e requirira unha achega de 30 millóns para manter a catalogación de 'proxecto industrial estratéxico' e aseguran que xuntarán os cartos nas vindeiras semanas.


"Totalmente comprometidos" cun proxecto que definen como "un motor económico significativamente positivo" que empregará "centos" de persoas e que beneficiará a poboación do lugar "para as vindeiras xeracións". Así se manifesta Edgewater nun comunicado a respeito da decisión da Xunta de cancelar a explotación mineira que primeiro venderon como o seu proxecto estrela.

A empresa canadense responde aos argumentos da consellaría de Economía e Industria sinalando que nas vindeiras semanas xuntarán o 25% do diñeiro en que está orzamentado o proxecto e que supoñen por volta de 30 millóns de euros. Satisfarían así a exixencia da Xunta, que unicamente tomou en consideración a "falta de solvencia económica e financeira" para rexeitar a mina a ceo aberto, sen valorar os informes que alertan do impacto que o uso do cianuro terá para o meio e para a saúde.

Após conceder a DIA --declaración de impacto ambiental-- e de defender "a solvencia medioambiental" dun plan que a secretaría xeral de Enerxía e Minas cualificou de "estratéxico", o departamento que dirixe Francisco Conde rexeitou a explotación porque Edgewater non logrou xuntar ese 25% de capital propio. A cancelación anularía a DIA, mais a concesión outorgada a esta empresa en 1974 foi para 90 anos, polo que podería volver presentar o mesmo proxecto cun custe menor, achegar un plan distinto operando baixo outra filial ou vender a concesión.

Edgewater leva investidos 20 millóns de euros en sondaxes. No comunicado recalcan a súa intención de "seguir adiante" e afirman que darán a última palabra cando a resolución da consellaría lles chegue de maneira oficial, pois até o de agora só se fixo verbalmente. Di a empresa que está a pechar negociacións e que cumprirá cos requisitos que a Xunta pide para vender o monte cabanés.