Ecoloxistas ven "irrisorio" o diñeiro para as Fragas do Eume

Fragas do Eume. (Foto: Europa Press)
"Nos últimos anos a propia Administración galega permitiu que este espazo dexenerase polas plantacións de eucaliptos e a expansión de especies invasoras", lamenta Verdegaia.

O parque natural das Fragas do Eume terá asignada de maneira anual unha partida económica de 54.000 euros para desenvolver medidas de conservación, "unha contía irrisoria".

Así o criticou esta terza feira a asociación Verdegaia, cualificando a cantidade como un "despropósito máis dunha administración que segue promovendo o uso dos medios de transporte máis contaminantes".

Neste sentido, a asociación mantén que o orzamento destinado ao mantemento non evitará o seu progresivo deterioro. "Un espazo destas características necesita un especial coidado, e máis cando ao longo dos últimos anos a propia Administración galega permitiu que dexenerase polas plantacións de eucaliptos e a expansión de especies invasoras que, en parte, foron as responsábeis da perda de máis de 300 hectáreas no incendio de 2012".

Precisamente, o pasado mes de decembro unha ducia de entidades, entre as que se atopaba Adega, o Grupo Naturalista Hábitat, a Federación Ecoloxista Galega e a Sociedade Galega de Historia Natural asinaron un documento no que criticaban o "atraso crónico" do Plan reitor de uso e xestión (PRUX), un documento, obrigatorio por lei para cada espazo protexido. Tiña que aprobarse, defenderon, no prazo máximo de dous anos logo da declaración das Fragas do Eume como parque natural.