Ecoloxistas aplauden o avance na prohibición de cazar o lobo mais sinalan que queda "camiño por recorrer"

Manada de lobos. (Foto: Carlos Castro / Europa Press )
A Xunta recorrerá a decisión do Goberno estatal de prohibir a caza do lobo.

O Boletín Oficial do Estado desta terza feira, 21 de setembro, confirma a inclusión do lobo ibérico na Listaxe de Especies en Réxime de Protección Especial (Lespre), polo que, desde hoxe, queda prohibida a súa caza en todo o Estado. Até a data, a caza de lobo estaba permitida ao norte do Douro, onde se atopa en situación favorábel, mentres que estaba prohibida cara ao sur, onde as poboacións xa estaban incluídas na Lespre.

Galiza, Asturias, Cantabria e Castela e León, onde habita 95% por cento dos exemplares da especie amosáronse sempre contrarias a esta decisión. Así, o Goberno da Xunta confirmou que recorrerá nos tribunais e pedirá medidas cautelares ante a prohibición de cazar lobos, unha solución que ao seu xuízo "carece de sentido" nun territorio como o galego con "máis de 90 mandas".

Fronte á decisión do Executivo estatal, a Xunta reivindica "capacidade" para lograr un "equilibrio" entre a actividade agrogandeira e a preservación desta especie.

A conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, amosou a súa "sorpresa, frustración e indignación" tras coñecer a publicación da orde do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico no BOE. Con esta norma, dixo, "non haberá maneira de que ningún organismo" poida destinar axudas a gandeiros por danos por ataques de lobos se os donos das explotacións non teñen implementado un plan de prevención "específico".

Plans que implican a instalación de cercados, portas e soportais e cuxo custo "habería que cuantificar", malia que para a conselleira serán "case inasumíbeis" dada a orografía galega e as características das súas granxas.

"Todos os recursos téñense que destinar a protexer o lobo",  recalcou, unha medida que fai os plans de xestión das comunidades autónomas decaian.

Camiño por facer

Desde a Asociación para a Defensa Ecolóxica da Galiza, trátase dunha decisión "histórica". "O lobo desaparece como especie cinexética e pasa a xestionarse mediante a Lei de protección da biodiversidade", mais aínda queda camiño por recorrer, apunta.

"O Ministerio optou por escoller unha regulación intermedia que vemos con reparo". Dunha banda introduce "de maneira pouco clara a permanencia dos controis de caza", mais tamén avanza na persecución do furtivismo e na adopción de medidas de manexo preventivo nas explotacións, unha decisión moi  "favorábel" cuxas axudas lle corresponden ao Estado.

Desde Fruga consideran que "o control do lobo non pode ficar en maos de entidades privadas de caza". "Coincidimos coa posición defendida pola señora conselleira de Medio Ambiente en reivindicar capacidade para lograr un equilibrio entre a actividade agropecuaria e a prevención do lobo, mais no que non podemos estar de acordo é que para chegar a este equilibrio se pretenda delegar a súas competencias nas entidades privadas de caza, cando estas entidades están organizadas para practicar unha afición que comparten, e polo tanto non teñen entre os seus cometidos responsabilidades que competen exclusivamente ás administracións, polo que non parece serio pretender facer recaer sobre elas a responsabilidade de manter o desexado equilibrio".