O nordeste da Galiza é o territorio mundial coa maior densidade lobos

Manda de lobos. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)

A revista ‘Recursos Rurais’ inclúe no último número un artigo sobre poboación de Canis lupus asinado por Pedro Alonso, David Martínez e Miguel Hevia que proba a existencia de 16 grupos reprodutores nunha área de 2.900 km2, na que se estima a presenza de 22 familias, máis do triplo das contabilizadas no censo oficial de 2015, ademais dun crecente número de individuos solitario.

"Censo da poboación de lobos (Canis lupus) do norte da Galiza e estimativa da densidade" é un traballo asinado por Pedro Alonso Iglesias, Miguel Hevia Barcón e David Martínez Lago incluído no último número da revista científico-técnica Recursos Naturais publicada polo Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (Ibader) da USC, que sitúa Galiza entre os territorios do mundo cunha maior densidade de poboación de lobo.

O traballo, que recolle os resultados obtidos en prospeccións durante 2019 e 2020, estiman a existencia de 22 grupos potencialmente reprodutores, ademais doutros individuos solitarios na zona obxecto de estudo, informa a Universidade de Santiago de Compostela (USC).

É unha área que se estende sobre unha superficie de 2.900 km2, na que se probaron a presenza de 16 familias reprodutoras (o 72,7% do total), unha cifra sensibelmente superior aos 6 grupos contabilizados no último censo oficial da Xunta, que compilaba datos dos exercicios 2013, 2014 e 2015.

O aumento deuse nas dúas últimas décadas

O biólogo Pedro Alonso sitúa este aumento da poboación de lobo na zona analizada nas dúas últimas décadas. De aí que a necesidade de actualizar "as estimativas de poboación da especie".

Os datos recollidas nesta publicación, traducidos a densidade de poboación, sitúan o nordeste da Galiza cuns valores de densidade estimada dos máis elevados en toda a área de distribución mundial da especie, informa Pedro Alonso, quen cifra a densidade media de lobo entre cinco e sete exemplares por cada 100 km2.

Os factores que explican o fenómeno

O progresivo despoboamento das áreas rurais, que implica unha redución do número de lobos que morren a consecuencia do furtivismo, é un dos factores que, segundo Pedro Alonso, favorece o incremento das poboacións de lobo no nordeste da Galiza.

A existencia de alimentación abundante nos montes da contorna, a proliferación de plantacións de eucaliptos e o progresivo abandono da cría de gando no monte, sobre todo da cabana equina, son outros dos parámetros que, segundo Alonso, contribúen á expansión e propagación do lobo.

Ademais, Alonso relaciona a alta densidade de lobo nesta rexión do nordeste da Galiza coa acentuada redución das poboacións de bestas, en parte derivada da acción depredadora do lobo, o que diminúe as porcentaxes poldros que acadan a idade xuvenil e agrava aínda máis a diminución de eguas reprodutoras, cuxa poboación xa se reduciu á metade nas últimas décadas.

A área na que se desenvolveu este estudo viría definida por unha liña que parte da localidade de Ribadeo cara á da Pontenova para logo virar a cara ao oeste, unindo Abadín, Vilalba e Monfero. A península da Capelada tamén figura no territorio analizado, que abrangue desde máis ao sur das nacentes dos ríos Mera, Sor, Landro, Eume, Ouro e Masma cara omar e co Eo como lmite cara ao leste, informa a USC.