Ecoloxistas piden nunha declaración conxunta ampliar as moratorias ao eucalipto e paralizar proxectos como o de Altri
Más dunha vintena de organizacións ecoloxistas de ámbito estatal e de territorios como Galiza, Asturias, Cantabria e Euskadi subscriben unha declaración conxunta na que reclaman a ampliación das actuais moratorias ás novas plantacións de eucalipto na Galicia e Bizkaia, polo menos até 2030; e que se estenda a medida a Asturias, Cantabria, Araba e Gipuzkoa.
Nun comunicado remitido ais medios, as entidades asinantes advirten que os datos dos inventarios forestais reflicten que as plantacións de eucalipto seguen estendéndose polo norte e noroeste peninsular e alertan de que, ao incumprimento da planificación forestal, súmanse o aumento deste tipo de plantacións. No caso concreto da Galiza, segundo o Inventario Forestal Continuo de 2023, a superficie de eucalipto como especie dominante é de 419.051 hectáreas, un 1,4 % máis que en 2022.
Moratorias na contorna
As administracións estabeleceron moratorias que prohiben temporalmente esas plantacións; no caso da Galiza, desde 2021 até finais de 2025. Estas prohibicións temporais sumáronse á xa existente desde 2017 en Portugal, e que estará vixente até 2030, "o que provocou que as empresas papeleiras lusas estean a comprar e arrendando plantacións de eucalipto na Galiza e Asturias, aumentando a presión nos territorios", sinalan.
Agora, as organizacións ecoloxistas piden ampliar esas prohibicións e a súa extensión territorial mentres non se asegure o cumprimento dos obxectivos da planificación forestal, a diversificación de masas produtivas e a salvagarda dos espazos naturais protexidos.
"Este proceso de eucaliptización no norte da península, que xa se consumou na Galiza, prodúcese nun momento no que a Xunta da Galiza deu luz verde a unha nova fábrica de celulosa, o proxecto Gama da papeleira portuguesa Altri, que incrementaría nun futuro próximo a demanda de madeira de eucalipto", alertaron, e pediron "parar este despropósito".
Para as entidades asinantes da declaración, este ano 2025 é "clave" para evitar que a eucaliptización se estenda a outros territorios. "Non se pode permitir que o sector forestal do norte da península camiñe cara ao monocultivo económico da produción de celulosa", subliñaron.
Outra xestión do monte
Así mesmo, pediron que se desenvolvan novos modelos de silvicultura que permitan unha maior resiliencia das masas produtivas ante futuros escenarios, buscando maior diversificación, evitando as plantacións regulares, monoespecíficas, con uso de agroquímicos e curtas a feito.
Finalmente, pediron "reabrir o debate sobre o impacto dos eucaliptos que prosperan fóra das plantacións e a súa interacción cos ecosistemas", e reclamaron que se estabeleza no Ministerio de Transición Ecolóxica un grupo de traballo multidisciplinar que aborde os efectos sobre a biodiversidade da expansión do eucalipto.

