600.000 hectáreas de eucalipto na Galiza

Plantación de eucaliptos na Fonsagrada aproveitando a moratoria da Xunta. (Foto: Europa Press)
Os datos non deixan lugar a dúbidas. O Inventario Forestal de Especies Produtivas publicado polo Goberno do Estado certifica que a superficie ocupada polo eucalipto, entre masas puras e mixtas, xa supera de longo as previsións previstas para 2032 no Plan Forestal Galego de 1992. As cifras non convidan ao optimismo.

O Plan Forestal Galego de 1992 fixaba un máximo de 245.000 hectáreas de eucalipto para 2032. Porén, o último Inventario Forestal de Especies Produtivas elaborado polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación cifraba para 2018 en 300.500 as hectáreas de monocultivo de eucalipto e en 121.700 aqueloutras nas que a especie se atopaba presente dalgún modo. Pola súa banda, desde a plataforma Por un monte galego con futuro, colectivo que agrupa a medio cento de entidades que traballa no ámbito forestal, sinalan que “a falla de realizarse o novo inventario forestal encargado polo Goberno galego xa hai voces autorizadas alertando que esta especie exótica invasora pode ocupar preto das 600.000 hectáreas na Galiza”.

A Xunta recoñece plantacións ilegais

A propia Xunta da Galiza recoñeceu en diversas ocasións a existencia de miles de hectáreas con plantacións ilegais de eucaliptos. Sen ir máis lonxe, en 2017, un ano antes da publicación Inventario Forestal de Especies Produtivas, a Xunta recoñeceu que nese exercicio identificaron un total de 1.650 plantacións ilegais, ordenando arrincar unha extensión forestal que suma 30.000 hectáreas para o conxunto da Galiza, 10.000 das cales atopáronse nas comarcas de Lugo. 

Na mesma liña, confirmou que nese ano foron apercibidos 995 propietarios forestais por repoboacións ilegais en terreos prohibidos, por cambio de actividade de terreos de uso agrario a forestal ou polo incumprimento das distancias de seguridade.

A responsabilidade do Goberno galego nesta situación é evidente. Así as cousas, o pasado mes de xullo, o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) condenou a Consellaría de Medio Rural por impedir á organización ecoloxista Adega acceder a información sobre diversas plantacións ilegais de eucaliptos no concello de Cospeito. O auto obrigou a Xunta a facilitar a documentación recollida en dous expedientes de sanción incoados por corta de árbores autóctonas e posterior plantación ilegal con eucaliptos e apuntou á responsabilidade da xefa territorial da Consellaría de Medio Rural en Lugo e alcaldesa do PP en Triacastela, Olga Iglesias.

A sentenza contra a Consellaría de Medio Rural veu pór negro sobre branco a conivencia da Xunta con este tipo de prácticas. A este respecto, xa en 2017 Adega denunciou a escasa vontade e dilixencia do Goberno galego á hora de perseguir as plantacións ilegais de eucaliptos, até o punto de que o número de apercibimentos nese ano, entre 120 e 150 para o caso de Lugo, correspondeuse coas denuncias presentadas pola propia organización. A falla de transparencia da Xunta impediu determinar o número de denuncias por plantacións ilegais tramitadas de oficio pola propia administración.

"Nova febre do eucalipto"

A situación está lonxe de mellorar. A moratoria da Xunta da Galiza ás plantacións de eucaliptos até decembro de 2025, naquelas áreas non poboadas por esta especie, favoreceu unha aceleración de novas plantacións de eucaliptos en todo o país. Neste sentido, Adega advertiu que “esta nova febre do eucalipto está a afectar nomeadamente as zonas do interior galego, onde aínda se manteñen masas forestais autóctonas e bosques de especial valor ambiental e patrimonial, que agora están a ser parcialmente cortadas, a feito e de xeito indiscriminado, para reconvertelos en eucaliptais”. 

Os responsábeis de Adega denunciaron o pasado mes de abril que a moratoria anunciada polo PP está a producir un “efecto chamada ou de rebote” e está intensificando e acelerando as plantacións, tanto ilegais como legais, de eucaliptos, para ocupar a máxima superficie posíbel con esta especie antes de que se faga efectiva a moratoria”. Na mesma liña cualificárona como “unha medida pero non a solución”, indicaron que “chega tarde, cando expansión do eucalipto na Galiza xa está descontrolada e ocupa preto de 600.000 hectáreas, é dicir, máis do duplo da superficie máxima que recollía o Plan Forestal até agora vixente para o ano 2032” e reclamaron “ordenar o monte, aplicar a lei e facer cumprila”.

As disposicións recollidas no recente Plan Forestal Galego son un motivo engadido de preocupación para os colectivos que traballan neste ámbito. A este respecto, desde Por un monte galego con futuro sinalan que o “plan que propón aumentar aínda máis a superficie ocupada por eucalipto pese a ter traspasado xa en máis do dobre as previsións para 2030, e en detrimento das masas forestais autóctonas que apenas sufrirán incremento nos vindeiros 20 anos”.

O mal negocio do monocultivo

Galiza produce o 50% da madeira en rolo e o 40% da madeira serrada porén só representa o 13% do volume da facturación e acolle o 10% do número de empresas forestais do Estado. Esta escaso desenvolvemento do sector transformador forestal e de actividades de baixo valor engadido non se explica sen un deseño por parte dos poderes públicos ao servizo dos grandes grupos empresariais interesados no monocultivo de eucaliptos.