Ecoloxistas denuncian "25 anos de desleixo da Xunta" na xestión das Fragas do Eume

Fragas do Eume. (Foto: Europa Press)
Unha ducia de entidades, Adega, Grupo Naturalista Hábitat, Federación Ecoloxista Galega e Sociedade Galega de Historia Natural entre outras asinan un documento no que sinalan un atraso crónico na xestión dun parque natural emblemático.

A Xunta está a tramitar "con 25 anos de atraso" a principal ferramenta de xestión das Fragas do Eume, o Plan Reitor de Uso e Xestión (PRUX), un documento, obrigatorio por lei para cada espazo protexido, que debería ter sido aprobado no prazo de dous anos logo da declaración do parque.

As Fragas do Eume, lembran unha ducia de entidades ecoloxistas (Adega, Grupo Naturalista Hábitat, a Federación Ecoloxista Galega, a Sociedade Galega de Historia Natural, Grupo Lobo, Asociación Betula, Recuperación da Biodiversidade na Xeografía Rural, Asociación Galega de Custodia do Territorio, Sociedade Galega de Ornitoloxía, Colectivo Terra e Morcegos da Galiza) nun comunicado, foron declaradas parque natural en 1999.

O peor parque natural da Europa atlántica

Desde entón, a  demora  da Xunta por dotar de ferramentas de xestión a este emblemático espazo, advirten, "non é casual".

As Fragas do Eume poden considerarse o parque natural peor conservado de toda a Europa atlántica

Segundo denuncian, "responde a un desleixo pola conservación dos espazos protexidos en xeral e das Fragas do Eume en particular, favorecedor da coñecida política de feitos consumados".

No caso do parque natural das Fragas do Eume, a eucaliptización, os aproveitamentos hidroeléctricos, os incendios ou os parques eólicos foron degradando de vez este espazo perante a pasividade da Xunta, sinalan, até o punto de que agora mesmo "as Fragas do Eume poden considerarse o parque natural peor conservado de toda a Europa atlántica".

Plan reitor

A actual proposta de PRUX, que en breve iniciará a súa exposición pública, foi presentada á Xunta Reitora do Parque Natural o pasado 15 de novembro.

Na convocatoria, incluíase para a súa aprobación a acta da anterior reunión deste organismo, decorrida en novembro de 2017. "Cinco anos sen unha soa xuntanza, e polo medio, incendios, verteduras de Endesa, varios parques eólicos na contorna (autorizados pola Xunta), e unha continua expansión do eucalipto. Velaí outra clara proba do desleixo da Xunta pola conservación deste espazo senlleiro".

Para os ecoloxistas os contidos do PRUX "defraudan e fican moi lonxe de garantir a conservación e mellora dos valores naturais das Fragas".

E que acontece coas masas que fican dentro do parque natural e estaban plantadas antes de 1997?

Aseguran que a zonificación é "pouco ambiciosa" ao estabelecer só un 3,34% da área total como zona de reserva, a de maior protección. No resto de zonas (de uso limitado, uso compatíbel e uso xeral) permítense "a discreción da Xunta" case todo tipo de aproveitamentos malia a presenza de hábitats prioritarios e especies que contan cunha estrita protección.

Proliferación do eucalipto

Con todo, a proba máis evidente da responsabilidade da Xunta na deterioración do parque é o tratamento das plantacións de eucalipto dentro do plan reitor, que no apartado de 'Directrices' fala de "promover a eliminación de eucaliptos acacias e falsas acacias especialmente na zona de reserva, na zona de uso limitado e nos terreos onde non estivesen cultivadas con anterioridade á data de publicación do PORN das Fragas do Eume mediante o Decreto 11/1996, do 2 de maio".

As entidades preguntan: "E que acontece coas masas que fican dentro do parque natural e estaban plantadas antes de 1997? Pois que son amnistiadas pola Xunta para que sigan sendo foco de invasión e degradación do bosque atlántico polo que As Fragas foron declaradas parque natural".

A Xunta prevé dedicar dous millóns de euros en 10 anos, dosdestinará a conservación 54.000 por ano

"Un parque natural, polos excepcionais valores que acubilla, non pode ser xestionado como se fose un monte calquera", conclúen, sobre todo no que atinxe á presenza do eucalipto, principal factor de degradación das Fragas.

Encoro da Capela

Por outra parte, as asociacións ecoloxistas chaman a atención sobre a ausencia de calquera referencia no PRUX ao encoro da Capela, "unha infraestrutura que representa unha infranqueábel barreira ecolóxica e que a concesionaria manexa como unha billa particular, orixinando periodicamente graves verteduras, contaminación de traídas e mortaldades piscícolas no Eume".

A Xunta prevé dedicar dous millóns de euros en 10 anos, dosdestinará a conservación 54.000 por ano, "cifra manifestamente insuficiente para atender ás necesidades reais do parque e garantir a súa viabilidade".

Censuran que non hai orzamento previsto para a merca de terras, considerando que o 80% do parque está en mans privadas, nin para medidas compensatorias e a mellora da calidade de vida dos seus habitantes.

"Esta proposta de PRUX representa a renuncia da Xunta a conservar os valores naturais das Fragas do Eume e a garantir o seu futuro".

Neste sentido, chegado o momento, durante a exposición pública do PRUX proporán "profundas modificacións normativas e orzamentarias para evitar a irreparábel degradación que a Xunta decreta para as Fragas do Eume con este documento".