Ecoloxistas denuncia unha empresa de xestión de lodos fecais de Touro ante a Xunta e a Fiscalía

(Foto: Ecoloxistas en Acción)

Ecoloxistas denuncia unha empresa de xestión de lodos fecais de Touro ante a Xunta e a Fiscalía.

Ecoloxistas en Acción vén de cursar varias denuncias ante a Fiscalía, Augas de Galiza e a Inspección Ambiental da Xunta pola “actividade contaminante de TEN - Tratamientos Ecológicos del Noroeste, unha das empresas instaladas no antigo complexo mineiro de Touro”. 

A denuncia débese a un novo episodio de contaminación dos cursos fluviais da zona polas verteduras procedentes da balsa de Bama. Balsa onde a empresa “amorea lodos fecais de depuradora baixo o eufemismo "tecnosolos". Segundo denuncia Ecoloxistas en Acción, coas choivas, estes residuos baixan polas ladeiras contaminando o rego do Burgo, afluente do río Brandelos, que por súa vez deita as súas augas no río Ulla, en Rede Natura 2000.

Sinalan que se trata dunha situación que se remonta a dúas décadas atrás, cando a Xunta fomentou a operación dos “tecnosoles” mediante un convenio asinado entre a Consellaría de Medio Ambiente, Augas de Galicia e a USC, da man do ex-catedrático Felipe Macías, socio da empresa TEN. “Baixo a tapadeira dun proxecto de restauración ambiental da mina e dos ríos afectados pola contaminación que xerou a xestión de Francisco Gómez, non só se deu luz verde a este lucrativo negocio de xestión de lodos de depuradora e outros residuos, senón que mesmo se inxectaron inxentes fondos públicos”, denuncia Isabel García, voceira de Ecoloxistas en Acción.

Transcorridos máis de 20 anos desde a sinatura deste convenio, “Augas de Galiza ven de confirmar que dito convenio xa non está vixente”. Para Ecoloxistas en Acción, a Xunta pretende agora eludir a súa responsabilidade da Administración na posta en marcha deste negocio fraudulento.

Sinalan que a vertedura de lodos non só non conseguiu os resultados que se prometeran, ademais xerou novos problemas ambientais polos cheiros, e outros impactos, sobre a poboación e ecosistemas, ao non cumprir o condicionado das autorizacións e non realizar os controis obrigatorios. 

Engaden que de feito “nas últimas inspeccións constatouse a superación dos límites máximos permitidos en diversos parámetros como os metais pesados, sulfatos e nitratos, ademais de altos niveis de cobre, níquel e cobalto”. O propio Instituto Xeolóxico e Mineiro de España certificou o fracaso das medidas aplicadas á hora de restaurar os terreos da mina.

“Nin TEN nin Explotaciones Gallegas, empresa legalmente responsable pola concesión mineira, contan con autorización de verteduras para os efluentes da corta de Bama, e a Xunta non obrigou a estas empresas a instalar un sistema de depuración que evite a contaminación constante do rego do Burgo, a pesar das numerosas denuncias interpostas por estes vertidos”.

Por iso, desde Ecoloxistas en Acción anuncian novas accións xudiciais tanto contra as empresas como contra os propios funcionarios e altos cargos que veñen ignorando intencionadamente a grave situación provocada.