O movemento ecoloxista desmárcase do Consello de Medio Ambiente "mentres a Xunta vete o debate eólico"

Parque eólico na serra do Candán, entre as comarcas do Carballiño, Terra de Montes e Deza. (Foto: Arxina)
As entidades representadas acudirán en amparo á Valedora do Pobo para que inste a Xunta a permitir aos vogais "o libre exercicio das súas competencias".

A canle de diálogo entre a Xunta e o movemento ecoloxista que é o Consello Galego de Medio Ambiente seguirá paralizada mentres desde o Executivo sigan impondo a "censura" e "vetando" o debate nas cuestións relacionadas co modelo de desenvolvemento da enerxía eólica. As entidades representadas neste órgano —Asociación para a Defensa Ecolóxica da Galiza (Adega), Federación Ecoloxista Galega (FEG) e Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN)— abandonárono o pasado ano tras a polémica sesión do 26 de xaneiro, cando a súa presidente e conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, deu por rematada a xuntanza antes de tempo para evitar a votación dunha nova moratoria eólica que propuñan os ambientalistas.

Agora, nun comunicado asinado conxuntamente polos vogais ecoloxistas Fins Eirexas (Adega), Xosé Luis Baleato (FEG) e Serafín González (SGHN), avanzan que non asistirán ás vindeiras reunións do Consello "mentres a Xunta persista en impedir o debate sobre as consecuencias da vaga eólica no patrimonio natural galego".

Fan alusión no escrito ás "irregularidades" que protagonizaron aquela sesión de xaneiro de 2022, "como non atender a solicitude de varios vogais de debater un acordo sobre a necesidade dunha moratoria do actual Plan Sectorial Eólico da Galiza, así como da derrogación das leis 5/2017 e 9/2021, alén da elaboración dun informe sobre o encaixe do actual modelo enerxético na sustentabilidade e resiliencia do territorio galego".

A acta "en absoluto reflectiu" o bloqueo por parte da Presidencia destas propostas, pois non figuraban na orde do día do seguinte encontro, o 31 de maio de 2022. Foi entón cando as entidades ecoloxistas adiantaron que se ausentarían do Consello se persistía o "veto" desde a Xunta.

"Nesa sesión do 31 de maio os representantes do SLG-CCLL e da UDC chamaron a atención sobre as irregularidades denunciadas polos colectivos ecoloxistas ausentes, expresando reparos para a aprobación da acta anterior, á que votaron en contra CIG e SLG-CCLL e se abstiveron UDC e UA. Asemade, UDC e SLG-CCLL manifestaron a súa oposición á interpretación feita pola Secretaría Xeral e a Presidencia no senso de considerar fóra das competencias do Consello a emisión de informes e pronunciamentos a respecto do demandado polas nosas organizacións", lembran.

A próxima xuntanza estaba prevista para esta terza feira, 14 de febreiro, e o ecoloxismo galego reitera os motivos da súa ausencia. "Comprobamos novamente que na orde do día segue sen figurar o punto sobre o debate e posicionamento deste organismo a respecto da problemática eólica", lamentan.

En consecuencia, dado que "persisten as circunstancias" que motivaron a súa ausencia, a representación ecoloxista seguirá sen participar. Non en van, estas entidades acudirán en amparo á Valedora do Pobo para que inste a Xunta a permitir aos vogais "o libre exercicio das súas competencias".