Ecoloxistas analizarán os niveis de metais pesados no lago das Pontes, perante o desleixo da Xunta

O baño na balsa ácida resultante do enchido do oco da mina foi permitido, recentemente, polo goberno galego. Adega, Verdegaia e a SGHN exixen que os informes oficiais saian á luz pública

Os colectivos Sociedade galega de historia natural --SGHN--, Adega e Verdegaia sinalan que o lago resultante do enchido, con auga do Eume, da mina que Endesa explotou nas Pontes, en cuxas augas foi autorizado o baño recentemente, é en realidade unha balsa ácida cuxa utilización "podería carrexar graves consecuencias para a saúde".

As tres asociacións cadran ao manifestaren a súa "sorpresa" pola autorización do baño no lugar, pois "Augas de Galiza continúa sen proporcionar datos sobre a súa calidade". A pesar de que tal información foi solicitada até catro veces ao longo deste ano perante a consellaría de Medio Ambiente. Por mor do desleixo da Xunta, estes colectivos anunciaron que serán eles propios quen realicen análises fisicoquímicas periódicas para faceren públicos os resultados.

As únicas previsións que existen ao respecto do que acontece na balsa, segundo os datos que manexan @s ecoloxistas, son as achegadas pola propia concesionaria da mina, Endesa, no estudo de impacto ambiental redactado para o proxecto de encher o oco da mina con auga do Eume. Di tal informe que os niveis de metais pesados se manterían "en valores practicamente idénticos aos do escenario inicial". Mais Adega, Verdegaia e a SGHN discrepan, e lembran que os metais pesados --arsénico, manganeso e aluminio neste caso-- "se acumulan no organismo humano", polo que procederán a analizar as concentracións destas substancias nas augas da balsa.

Outra balsa mineira no punto de mira: Meirama
Doutra banda, o plan da Xunta Abastecimiento del área metropolitana de A Coruña a partir del lago artificial de la central de Meirama, que vén de saír á exposición pública, propón satisfacer a demanda da cidade ao ligar unha balsa mineira de augas ácidas cun LIC --Lugar de Interese Comunitario-- da Rede Natura --LIC Encoro de Abegondo-Cecebre--, valéndose dun río que fará as veces "de sumidoiro". E todo 'cavando' un túnel que terá 1,4 quilómetros de lonxitude até chegar ao Barcés, que pasa a carón da balsa.

Adega afirmou que a iniciativa pasa tamén pola construción de máis unha minicentral. "Esta é a verdadeira razón de ser deste delirante proxecto: producir quilovatios camuflando o proxecto como unha infraestrutura de subministro", sinala o colectivo ecoloxista, que explica que a razón de ser do túnel --fronte ao desaugue directo da balsa ao Barcés, a opción máis sinxela e máis barata en caso de procurar unicamente unha reserva-- é que aquel actúe como tubaxe de presión para a minicentral.