A Xunta disfraza de abastecemento de auga un proxecto para máis unha minicentral

"Reforzar a capacidade de subministro" da Coruña é o obxectivo para o que se proxecta conectar o lago artificial de Meirama cun LIC da Rede Natura. Segundo denuncia Adega, construirase un túnel de 1,4 quilómetros para que faga, ao mesmo tempo, de tubaxe de presión para unha minicentral

Co obxectivo de "reforzar a capacidade de subministro" perante a demanda de auga da Coruña, a Xunta pretende conectar o lago artificial construído na central de Meirama, en Cerceda, co río Barcés, que desemboca no encoro de Cecebre. Ou o que é o mesmo: ligar unha balsa mineira de augas ácidas cun LIC --Lugar de Interese Comunitario-- da Rede Natura --LIC Encoro de Abegondo-Cecebre-- valéndose dun río que fará as veces "de sumidoiro". E todo 'cavando' un túnel que terá 1,4 quilómetros de lonxitude até chegar ao Barcés, que pasa a carón da balsa.

Os plans do goberno galego denúnciaos Adega após saír a exposición pública o proxecto que os detalla, Abastecimiento del área metropolitana de A Coruña a partir del lago artificial de la central de Meirama. Din en San Caetano que o aforro e a eficiencia deberán ser prioritarias fronte a novas captacións, mais o certo é que, para alén de mellorar o subministro de auga na Coruña, a iniciativa pasa tamén pola construción de máis unha minicentral. "Esta é a verdadeira razón de ser deste delirante proxecto: producir quilovatios camuflando o proxecto como unha infraestrutura de subministro", sinala o colectivo ecoloxista, que explica que a razón de ser do túnel --fronte ao desaugue directo da balsa ao Barcés, a opción máis sinxela e máis barata en caso de procurar unicamente un reservorio-- é que aquel actúe como tubaxe de presión para a minicentral.

Para alén da maquillaxe deste proxecto hidroeléctrico, Adega denuncia outras "importantes eivas" que aparecen na iniciativa e que non foron contempladas pola Xunta. Así, o colectivo dubida da calidade das augas que proveñen dunha balsa mineira, ácidas e cunha alta concentración de metais pesados --nomeadamente arsénico--; cuestionan que "millóns de metros cúbicos" desas augas vaian parar a unha zona húmida protexida; e subliñan que tirar adiante con este proxecto suporía "o incumprimento" do Plano Hidrolóxico, que non permite novos aproveitamentos hidroeléctricos nas bacías de Galiza-Costa, agás repotenciacións e modernizacións.

Por todo o anterior, Adega quere saber como é que se presenta un plan destas características "sen que haxa unha concesión administrativa previa para a explotación dos quilovatios". Nesta liña, confía a asociación en que a Xunta non reactive unha concesión para o Barcés solicitada durante a administración Fraga pola empresa Hidroeléctrica del Arnoya, que recibiu "numerosas concesións a dedo posteriormente investigadas pola Fiscalía Anticorrupción". Socio da empresa era o cuñado de Ramón Ordás, director xeral de Industria entre 1999 e 2005, e encargado de supervisar os proxectos eólicos e hidroeléctricos outorgados pola Xunta durante eses anos. Foi investigado por tráfico de influencias e prevaricación aínda que o xulgado de Instrución nº1 da Coruña sobreseu a causa en abril de 2010 ao non ver indicios de delito nas adxudicacións.