Medio Ambiente

VÍDEO | Ecoloxistas taponan as verteduras da mina de San Finx: "Miles de traballos dependen do marisqueo na ría"

"Queremos alertar non só sobre a contaminación actual, senón tamén sobre a contaminación que se aveciña coa nova autorización de vertedura outorgada pola Xunta. Unha autorización coa que a empresa mineira poderá verter por este mesmo tubo case 1.000 millóns de litros anuais de residuos mineiros, con alta concentración de metais pesados", alerta o colectivo.

Un grupo de activistas de Ecoloxistas en Acción vén de executar unha nova acción reivindicativa contra as verteduras da mina de San Finx, en Lousame (comarca de Noia), taponando unha das tubaxes "pola que a epxlotación mineira verte de forma constante augas contaminadas con altas concentracións de cadmio, cobre e zinc". Unha ducia de persoas, ataviadas con roupa anticontaminación, accedeu ás instalacións de San Finx portando pancartas nas que se podía ler "Perigo, zona tóxica: a mina contamina" ou "Non á autorización de vertidos, a ría é a nosa mina".

Xa no interior, colocaron unha gran cortiza na tubaxe da balsa de decantación final, unha balsa, precisaron, "que foi construída ilegalmente sobre o leito do río, e á que van parar tanto os achiques de mina procedentes, por gravidade, do interior da mina, como as augas en contacto cos vertedoiros de residuos".

"Con esta acción, desde a organización ecoloxista queremos alertar non só sobre a contaminación actual, senón tamén sobre a contaminación que se aveciña coa nova autorización de vertedura outorgada pola Xunta. Unha autorización coa que a empresa mineira poderá verter por este mesmo tubo case 1.000 millóns de litros anuais de residuos mineiros, con alta concentración de metais pesados, procedentes das plantas de mina até o de agora asolagadas", sinalou Xoán Evans, voceiro de Ecoloxistas.

Ecoloxistas en Acción taponou a vía de saída de verteduras procedentes da mina.

Tanto o movemento ecoloxista como decenas de colectivos, incluíndo as confrarías de pescadores, demandaron á Xunta esta mesma semana que revogue de inmediato a autorización de vertedura, "por incumprimento do condicionado, xa que a propia empresa anunciou ante a bolsa australiana que non dispón de financiamento para acometer as obras previstas e, moito menos, para asumir as consecuencias dun potencial desastre multimillonario", salientaron.

Só a sete quilómetros augas abaixo desta explotación mineira, lembraron, "máis de 10.000 postos de traballo dependen directa ou indirectamente do marisqueo na ría, agora ameazados por unha mina que apenas promete 12 empregos, segundo o seu proxecto de explotación".

Nova manifestación este sábado

As confrarías, que encabezan a plataforma comarcal contra as verteduras, convocaron unha gran mobilización de protesta nas minas este sábado, 8 de xullo, ás 11 horas. Ecoloxistas en Acción, que tamén se atopa entre as entidades convocantes, convidou a participar "para defender un espazo natural único como a ría de Muros-Noia".