Xustiza

O TSXG asesta un novo golpe á Xunta e mantén a paralización cautelar da mina da Penouta

Vista aérea da Mina de Penouta. (Foto: Strategic Minerals).
O alto tribunal galego recoñece que a Xunta omitiu a avaliación de impactos sobre a Rede Natura 2000 durante a tramitación da autorización e rexeita o recurso do propio Goberno galego e mais da empresa titular da explotación, avanzan desde Ecoloxistas en Acción.

Novo revés xudicial a Strategic Minerals Europe, a compañía canadense responsábel da mina de coltán da Penouta e mais á propia Xunta da Galiza, que segundo informan desde a asociación Ecoloxistas en Acción ven desestimados os seus recursos contra a medida cautelar de suspensión da explotación imposta polo Tribunal Superior de Xustiza da Galiza, logo de que a autorización outorgada o pasado ano fose impugnada por este mesmo colectivo ambientalista.

"A pesar dos extensos escritos de alegacións da mineira e da Consellaría de Economía e Industria, o órgano xudicial recusou todos e cada un dos argumentos presentados, dando a razón a Ecoloxistas en que a tramitación do proxecto omitiu a preceptiva avaliación dos impactos sobre a Rede Natura 2000, a pesar de estar a cero metros da Zona de Especial Conservación de Pena Trevinca", salientan desde Ecoloxistas.

No auto, ditado a pasada semana, censúrase "que a Xunta non corrixise este defecto durante a tramitación, a pesar de que en doce das alegacións presentadas durante o trámite ambiental se alertase sobre o mesmo. Tamén considera o feito de que boa parte dos cauces por volta da mina presentan niveis elevados de arsénico, mercurio, chumbo e cadmio, supoñendo o risco para as poboacións que obteñen o seu subministro destes, incluíndo a propia vila de Viana", precisa a entidade.

O tribunal tamén descartou a pretensión de Strategic Minerals de impor unha fianza a Ecoloxistas en Acción de máis de tres millóns de euros, lembrando que "se a empresa decidiu realizar inversións antes de que a resolución de aprobación do proxecto fose firme, foi baixo o seu propio risco e ventura".

E recolle o auto a advertencia de Ecoloxistas de que "atribuír perdas a terceiros é práctica habitual dos directivos que controlan o accionariado da mercantil, os empresarios venezolanos Miguel de la Campa, Serafino Iacono e Jaime Pérez Branger", que xa estiveron á fronte da petroleira colombiana Pacific Rubiales Energy e que aparecen nos 'Papeis de Panamá' do bufete Mossack Fonseca, tal e como desvelou Nós Diario.

Campaña de intimidación

O veredicto xudicial chega logo de dous meses intensos nos que a empresa, censuran desde Ecoloxistas, "utilizou os traballadores para tentar presionar o órgano xudicial", mesmo organizando unha manifestación diante da sede do TSXG na Coruña, e para "atacar" o colectivo ambientalista, apuntan, "mediante pancartas difamatorias e insultos en redes sociais".

"En paralelo, a Cámara Oficial Mineira da Galiza, organismo presidido por un empregado de Strategic Minerals, presentou unha denuncia falsa nos Xulgados da Coruña contra media ducia de activistas do colectivo ecoloxista, atribuíndolles o 'asalto violento' á súa sede", acrecentan.