Medio Ambiente

Ecoloxistas en Acción denuncia a "criminalización" das protestas por "atreverse a cuestionar as mentiras do 'lobby' mineiro"

Entrega das botellas de auga a representantes da Cámara Mineira. (Foto: Nós Diario)
A organización rexeita que seis dos seus activistas fosen condenados por un delito de coaccións leves polo "mero feito" de "querer entregar unhas botellas de agua contaminada" na Cámara Mineira.

O xulgado de Coruña vén de condenar seis activistas de Ecoloxistas en Acción pola acción reivindicativa do pasado setembro na sede Cámara Mineira para denunciar, pretendendo entregar botellas de auga recollida das inmediacións das minas de Touro e San Finx aos seus representantes, a contaminación derivada destas explotacións. Unha sentenza que fala dun delito de coaccións leves que a organización pensa recorrer, entendendo que o acto foi "totalmente pacífico".

As activistas cren que, con este auto, está a "criminalizarse" a protesta ecoloxista: "De pouco serviu que quedase acreditado que non houbo violencia, nin física nin verbal, que os activistas solicitaron permiso previo para acceder á sede da corporación de dereito público e que apenas dous minutos despois sairon das dependencias cando así se lles pediu. A xuíza entendeu que é suficiente para condenar por coaccións que a directora da Cámara Mineira manifestase que ela se sentiu 'intimidada' pola presenza das activistas, argumentando que as pancartas nas que se denunciaba a contaminación podían ser utilizadas como arma e que as mostras de auga das minas podían conter un ácido corrosivo", censuran.

Para Ecoloxistas en Acción, a sentenza busca "dar un escarmento" ao ecoloxismo galego por "atreverse a cuestionar as mentiras do lobby mineiro". A maxistrada tamén decretou o pagamento dunha multa de máis de 1.400 euros, mais isto non o lamentan as ecoloxistas, xa que dan por "ben empregado" o seu diñeiro ante unha acción que "permitiu desenmascarar as mentiras da Cámara Mineira e o seu negacionismo" ante os "graves impactos ambientais que causa a minaría contaminante na Galiza".

Coa entrega das botellas, Ecoloxistas en Acción saíra ao paso das declaracións públicas da Cámara nas que se afirmaba que "nunca houbo problemas coa calidade das augas" en San Finx e que "todo era unha invención dos ecoloxistas", a pesar de que as analíticas máis recentes revelaron niveis de cadmio, substancia tóxica e canceríxena, até 100 veces por riba do nivel máximo que permite a lexislación. Esas mesmas analíticas levaron a un procedemento sancionador contra a mina, resolto o pasado mes de febreiro cunha sanción de 180.000 euros por verteduras ilegais.

"A protesta popular pacífica contra os abusos de poder, non só é un dereito, senón que a veces é o único xeito de denunciar os abusos e ilegalidades ambientais", defenden desde Ecoloxistas en Acción, ao tempo que consideran "moi preocupante" a "vaga de criminalización da protesta pacífica que está acontecendo desde distintas instancias xudiciais e policías ao que se suman o uso cada vez máis recurrente de demandas estratéxicas contra a participación pública (SLAPP, nas súas siglas en inglés), até o punto de que a Comisión Europea está tramitando unha nova directiva para porlles freo".

Unha situación que a organización ecoloxista ten posto en coñecemento da Relatora Especial das Nacións Unidas sobre as defensoras dos dereitos humanos, quen xa abriu un expediente ao Estado español e que, ademais, mostrou a súa preocupación pola denuncia da Cámara Mineira o pasado mes de xaneiro.

Ecoloxistas en Acción e as súas activistas agradecen "todas as mostras de apoio" doutras organizacións ecoloxistas e sociais e avanzan que "nada" as deterá no seu deber de actuar "para conservar a natureza e o dereitos de todas as galegas de gozar dun ambiente adecuado".