Xustiza

Condenados por coaccións na Cámara Mineira seis activistas de Ecoloxistas en Acción, que recorrerán a sentenza

Concentración de activistas de Ecoloxistas en Acción diante dos Xulgados da Coruña o pasado 5 de marzo. (Foto: Nós Diario)
Os ecoloxistas entraron no recinto o pasado setembro para facer "unha entrega simbólica" de botellas de auga contaminada polas minas de San Finx e Touro. "Esta sentenza non vai frear o traballo de activismo e de denuncia de Ecoloxistas en Acción", advirten.

O pasado 6 de setembro un grupo de activistas de Ecoloxistas en Acción accedeu ás dependencias da Cámara Mineira da Coruña para denunciar verteduras derivadas das minas de San Finx e Touro. Para iso, e dado que desde a entidade defendían que "nunca houbo problemas coa calidade das augas nin do marisco", estas seis activistas 'ofrecéronlles' botellas que contiñan auga recollida das inmediacións destas explotacións, nunha acción que os empresarios consideraron constitutivas dun delito de coaccións.

A comezos de mes tiveron que declarar nos xulgados da Coruña por estes feitos, e negaron as presuntas coaccións e o "asalto" ao edificio, ao tempo que reprocharon a "actitude negacionista" da Cámara no relativo á contaminación de residuos mineiros. Agora, porén, o Xulgado de Instrución número 2 da Coruña condenounos por un delito leve de coaccións á pena, para cada un deles, de 40 días de multa, cunha cota diaria de seis euros.

Os ecoloxistas entraron no recinto para facer "unha entrega simbólica" desas botellas de auga contaminada gravando a acción, mais unha traballadora tentou impedilo, recolle a sentenza. "Sendo conscientes os denunciados de que a intervención que pretendían non lle sería permitida, trataron e conseguiron impoñela á denunciante, actuando de forma conxunta e intimidatoria, freando a súa capacidade de oporse, vulnerando o seu espazo de traballo e impedindo o desempeño do seu labor profesional", prosegue o texto.

Fontes de Ecoloxistas en Acción consultadas por Nós Diario confirman que xa están a traballar na presentación dun recurso diante da Audiencia Provincial ao entenderen que houbo un "erro" na apreciación das probas. Tamén puxeron o sucedido en coñecemento da Relatora especial da ONU sobre as persoas defensoras dos dereitos humanos, Mary Lawlor.

E avanzan, aliás, que non cesarán na súa loita: "En calquera caso, a sentenza non vai frear o traballo de activismo e de denuncia de Ecoloxistas en Acción, e se a Cámara Mineira, a Xunta da Galiza ou as empresas infratoras pensan que así vai ser, están completamente erradas".