Medio Ambiente

Ecoloxistas ofrecen auga de San Finx a representantes da Cámara Mineira, que rexeitan bebela após defender a súa calidade

Acción reivindicativa de Ecoloxistas en Acción na sede da Cámara Mineira da Coruña.
"A cambio de subvencións e convenios, están a facer un lavado para unha Xunta da Galiza que ten numerosos funcionarios e altos cargos imputados polas irregularidades desta explotación mineira", censura Ana Díaz, portavoz de Ecoloxistas en Acción.

A Cámara Mineira da Coruña saíu recentemente en defensa da explotación de San Finx e do persoal técnico da Administración fronte aos "ataques" e "persecución" ao proxecto por parte dun movemento social que, ao seu parecer, parte de "información imprecisa, sen ningún valor científico e cun nesgo ideolóxico anti-minaría". Defendía a entidade que "nunca houbo problemas coa calidade das augas nin do marisco", tal e como denuncian as confrarías que traballan na ría de Muros e Noia, e que hoxe "aínda hai menos motivos para a alarma social".

E esta cuarta feira, ao fío da súa obstinada defensa da mina e logo de que a pasada semana Augas da Galiza abrise un expediente á compañía por incumprir as condicións de vertedura autorizadas, Ecoloxistas en Acción accedeu ás dependencias da Cámara Mineira para ofrecer aos seus representantes botellas de auga recollida das inmediacións das minas de San Finx e Touro. Porén, rexeitaron o convite, quer por non ter sede no momento quer pola turbidez que presentaba a auga.

Entrega das botellas de auga a representantes da Cámara Mineira.

O obxectivo desta acción reivindicativa é "pór en evidencia o papel nefasto que xoga un organismo como a Cámara Mineira, ao que a Xunta atribuíu competencias públicas como a xestión do Censo Catastral Mineiro, a pesar de que centra os seus esforzos no 'lavado verde' do sector mineiro", enarborando, en palabras da organización ambientalista, "un negacionismo absoluto fronte a todos os seus impactos ambientais".

Fronte ás críticas do sector mineiro ás confrarías, a veciñanza e o movemento ecoloxista, lembran que os informes técnicos independentes encargados ao doutor en Xeofísica e experto en valoración do impacto ambiental de proxectos Steven H. Emerman evidenciaron "que as propostas de tratamento e xestión de residuos posta sobre a mesa polas empresas mineiras son ineficaces". E o mesmo constatou agora Augas da Galiza, após detectar, entre outros metais, niveis de cadmio "78 veces máis altos" que os valores permitidos no Rego do Espiño.

"A Cámara Mineira tenta ocultar os impactos da mina de Lousame sobre a ría de Muros e Noia. Ademais, defende unha explotación mineira que non conta cun proxecto de explotación válido nin unha avaliación de impacto ambiental. A cambio de subvencións e convenios, están a facer un lavado para unha Xunta da Galiza que ten numerosos funcionarios e altos cargos imputados polas irregularidades desta explotación mineira", censura Ana Díaz, portavoz de Ecoloxistas en Acción.

Desde o colectivo fan énfase tamén nas "decenas de miles" de postos de traballo que dependen, directa e indirectamente, da pesca e o marisqueo tradicionais nunha ría que se vería afectada "enormemente" polas explotacións mineiras de San Finx e Touro. E contrapoñen isto cos "apenas doce empregos de San Finx".