O ecoloxismo volve plantar o Consello de Medio Ambiente polo "veto" da Xunta ao debate eólico

A conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, esta segunda feira. (Foto: Xoán Crespo)
As entidades ambientalistas demandan abordar o modelo enerxético do Executivo galego.

O Consello Galego de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostíbel, órgano consultivo do Executivo galego en materia ambiental, mantén a súa negativa a debater e posicionarse a respecto das problemáticas orixinadas polo modelo eólico da Galiza. Esta decisión da Xunta supuxo, tal e como anunciaron en febreiro, a ausencia dos vogais representantes das organizacións ambientalistas Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (Adega), Federación Ecoloxista Galega (FEG) e Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) da xuntanza do órgano que decorreu esta segunda feira, 19 de xuño.

"Non asistimos nin asistiremos ás xuntanzas mentres a Xunta persista en impedir o debate sobre as consecuencias da vaga eólica no patrimonio natural galego", afirma a Nós Diario Roi Cuba, secretario xeral de Adega.

O debate da "necesidade" dunha moratoria do actual Plan sectorial eólico da Galiza, a derrogación das leis 5/2017 (de fomento da implantación de iniciativas empresariais) e 9/2021 (de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica) e a elaboración dun informe sobre o encaixe do actual modelo enerxético na sustentabilidade e resiliencia do territorio galego, todas elas peticións dos vogais ecoloxistas no organismo, foron desoídas xa en xaneiro de 2022 pola Presidencia, que ostenta a tamén vicepresidenta segunda da Xunta e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez Mexuto, que abandonou a sesión "abruptamente" para non tratar os asuntos propostos polas vogalías.

Este "veto" repetiuse na reunión do Consello de maio de 2022, e foi entón cando as entidades ecoloxistas adiantaron que se ausentarían se persistía a "censura" desde a Xunta, unha decisión que manterán até que "teñan en conta as peticións dos representantes" do tecido ecoloxista, segundo afirma Roi Cuba. "Seguen sen ternos en conta", engade.

Limitación de visitantes

O Consello Galego de Medio Ambiente, coa ausencia da representación das entidades ecoloxistas, abordou esta segunda feira o proxecto de orde coa que a Xunta da Galiza prevé estabelecer un tope de 150 visitantes nos illotes dos Guidoiros (Areoso e Guidoiro Pedregoso), pertencentes á Illa de Arousa (comarca do Salnés), e na Illa de Rúa, pertencente a Ribeira (O Barbanza). Segundo a conselleira Ángeles Vázquez, este é un asunto "fundamental" no que o Executivo leva "traballando máis dun ano".