O ecoloxismo considera "incomprensíbeis e inxustos" os privilexios da caza na pandemia

A Xunta xustifica as excepcións ás restricións para os cazadores no aumento da poboación de especies como o xabarín. (Foto: Nós Diario)
As entidades censuran que se permita a mobilidade malia as restricións existentes para a maioría da poboación.

O que para entidades como a Asociación Agraria da Galiza ou a Federación Galega de Caza é un recoñecemento xusto resulta para os colectivos ecoloxistas galegos unha nova concesión a un "lobby" ben atendido pola Xunta. Seguindo este criterio, a decisión da Dirección Xeral de Patrimonio Natural de excluír das restricións de mobilidade e reunión a actividade cinexética respecto do xabarín e o lobo, como "esencial" en plena pandemia representa un "privilexio" a un sector "que pode supor un "duplo risco", tanto polos perigos inherentes do uso de armas como, neste caso, polo contexto sanitario.

Así o sinalan desde a asociación ecoloxista Adega, que pon como exemplo os contaxios detectados hai unha semana en Sarria, vinculados unha comida de cazadores, e que ve "totalmente irresponsábel que só por dar compracencia a determinados colectivos sociais se estean a fomentar por parte da Administración prácticas de risco que potencien o aumento dos contaxios".

Segundo valora a súa secretaria executiva, Belén Rodríguez, esa permisibidade "nin é xusta nin entendíbel", nun momento no que se lle está a pedir "á maioría de sectores económicos e sociais un esforzo extraordinario". "Nin cremos que esta actividade sexa esencial nun momento de excepcionalidade como o que estamos a atravesar nin consideramos que a Xunta se apoie en argumentos técnicos", censura.

Na súa última circular, do pasado día 20, a Dirección Xeral explica a decisión polo "incremento" da poboación do xabarín, que vincula con "cambios de uso no medio e ás características ecolóxicas da especie", que podería chegar a duplicarse en 2025, segundo aduce. Isto leva a excluír das limitacións implantadas pola Xunta en 69 concellos por mor da incidencia epidemiolóxica as accións de caza sobre o xabaril, de acordo coa planificación aprobada para a tempada de caza 2020/2021 nos plans anuais de aproveitamento cinexético dos Tecor e as accións de caza con ocasión de danos á agricultura ou a gandería ocasionados por xabaríns e lobos, así como as que sexan consecuencia de accidentes graves de tráfico reiterados nun mesmo punto quilométrico, entendéndoas todas como "medidas de control adecuadas". 

Trátase, a ollos do voceiro de Ecoloxistas en Acción Alberto Rivero, dunha estratexiacde "busca de votos sustentada nunha proposta de xestión do ecosistema que non ten base científica". "É unha cuestión claramente política en apoio da Federación Galega de Caza, que tamén se pode ver tamén nas subvencións ou no feito de que o permiso fose, nun primeiro momento, só para persoas federadas, malia non ser un requisito imprescindíbel", estima, e observa que, se ben foi o partido de ultradereita Vox quen levou ao Congreso a petición de darlle consideración de esencial á caza, Gobernos territoriais de todas as cores, desde o vasco ao catalán, o asturiano, o andaluz ou o estremeño posicionáronse igual que o galego.

Tamén para a asociación animalista Libera, a da Xunta é "a enésima cesión ao lobby pro caza", sen que exista ningún informe que avale o desprazamento libre dos cazadores.

A "contradición" de permitir a caza do depredador do xabarín

Adega e Ecoloxistas en Acción concordan ao cualificar de "contraditoria" e "incoherente" a decisión da Xunta de permitir tamén a batida de lobo, "depredador natural do xabarín". O aumento da poboación de xabarín é un dos argumentos que se esgrimen para xustificar a permisividade da caza malia as restricións, e esta maior densidade achácase, entre outros motivos, á "falta de depredadores".

Como lembran desde Adega, as autorizacións de controis do lobo deben cumprir, en situacións ordinarias, cun procedemento de constatación na recorrencia nos ataques e demostración de que as medidas preventivas terían sido infrutuosas. "De aplicarse con rigor o procedemento, as autorizacións de caza do lobo resultarían moi excepcionais, ou non as habería", estima.