O ecoloxismo advirte á Xunta de que a costa galega non é "un polígono industrial"

A fábrica de ENCE en Pontevedra (Foto: Estevoaei).
Colectivos ambientalistas estarán "vixiantes" sobre a nova lei do litoral.

A ordenación do litoral galego que impulsa a Xunta da Galiza xera preocupación e dúbidas entre a rede galega de colectivos e organizacións ecoloxistas e de defensa do medio. Coinciden en emprazar a  coñecer o texto e proxecto definitivo polo miúdo para unha valoración máis demorada. Mais, avanzan, os precedentes e historial do Goberno galego a respecto da costa e as declaracións do presidente galego, Alfonso Rueda, e da conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez ("parecía que presentaban un PXOM para o litoral"), non convidan ao optimismo.

"O litoral galego non é un polígono industrial", advirte Fins Eirexas, de Adega, que lembra que estamos a falar dun espazo "moi sensíbel", sometido a unha "perda de biodiversidade acelerada". Parte do litoral é Rede Natura, "e xa a Comisión Europea reprochou á Xunta que tiña que respectar iso".

Eirexas agarda que a lei pase polo debate en órganos como o Consello Galego de Medio Ambiente e lembra que no seu día a Administración galega elaborara un Plan de Ordenación do Litoral, onde se organizaban as actividades a desenvolver en dominio público marítimo-terrestre. "Agardemos que agora non queiran entrar nunha carreira de reurbanizar o litoral coa disculpa de pór en valor turístico e hoteleiro unha serie de instalacións", afirma, en referencia aos 300 establecementos que con esta lei poderían ter unha "segunda vida" como hoteis.. 

Ence e a porta de atrás

Marco Cernadas, da Asociación pola Defensa da Ría (APDR), advirte de que "estaremos moi pendentes da lei", un compromiso que, incide, partillan numerosos colectivos ambientalistas. 

Para Cernadas, dá a "impresión" de que desde o Goberno galego "se pretende burlar as tres sentenzas sobre a ilegalidade Ence". Lembra á Xunta que hai unha lei estatal que fixa uns mínimos "que non se poden rachar", polo que non debería lexislar para 'blindar' a pasteira en Lourizán, na ría de Pontevedra.

A respecto de Ence, Fins Eirexas trae a colación as "manobras" do Goberno galego nestes anos, "pedindo adscribir Ence ao Porto de Marín, por exemplo", para engadir un motivo máis de suspicacia cara a este proxecto de lei do Executivo. 

Raquel Vázquez, bióloga mariña, defende que a Galiza teña as competencias sobre o seu litoral, mais recoñece certa preocupación "polo que pode derivar nun abuso de uso turístico ou empresarial" da costa, así como de actividades "con impacto nun medio que é moi sensíbel" e cuxa riqueza "é tamén produtiva, marisqueira e pesqueira". 

Urbanización

Galiza é, após Canarias, o territorio do Estado español con máis quilómetros de costa, case 1.500 quilómetros, equivalente á distancia por estrada que hai entre Santiago de Compostela e París. A urbanización da costa galega aumentou en 45% desde mediados dos 90, segundo sinalaba o informe de Greenpeace Destrucción a toda costa en 2017. Nese estudo afirmábase que naquela altura "a costa galega destaca por ser a terceira comunidade con maior proporción de hábitats naturais fóra das figuras de protección da natureza".