Colocar o triángulo após sufrir unha avaría en autovías e autoestradas podería deixar de ser obrigatorio

triángulo coche accidente emerxencia estrada (Foto: Nós Diario)
A DXT estuda esta proposta ante o incremento do número de atropelos que se produce nestas vías até que en 2026 entre en vigor a obrigatoriedade de portar a luz de emerxencia V16, que substituirá definitivamente o triángulo.

Se vostede sofre unha avaría ou accidente co coche, após retiralo da vía nun lugar o máis seguro posíbel en función das circunstancias, deberá colocar a unha distancia de 50 metros para que sexa visíbel, no mínimo, a 100 metros —un triángulo diante e outro detrás, no caso de estradas de dobre sentido—. Porén, este tradicional elemento das calzadas podería estar a piques de desaparecer.

A Dirección Xeral de Tráfico (DXT) está a "valorar" nestes momentos a supresión da obrigatoriedade de sinalizar con estes triángulos de emerxencia o coche en caso de que a avaría se produza en metade dunha autoestrada ou autovía, ante o incremento no número de atropelos.

"Preocúpanos, en autoestrada e autovía, o que baixa do coche, o ano pasado houbo 16 falecidos en autoestrada e autovía que baixaran do vehículo", dixo esta terza feira en rolda de prensa o director da entidade, Pere Navarro. Un de cada dez falecementos na estrada, precisou, débese a atropelos.

Na actualidade, cando un vehículo sofre un contratempo na estrada, é obrigatorio que se sinalice, ben cos triángulos de emerxencia, ben coa luz de emerxencia V16, que se coloca sobre o teito do coche e que vén substituír os triángulos nun futuro próximo.

Porén, este novo dispositivo non será obrigatorio até xaneiro de 2026, polo que, mentres tanto, convivirán ambas as formas de sinalización e seguirá habendo condutores e condutoras que opten polo triángulo e deban baixar do coche para colocalo, co consecuente risco de atropelo.

É por iso que, ante este perigo, a DXT está "a valorar" eliminar xa a obriga de sinalizar en autoestradas e autovías, como xa están a facer outros países, e estuda como facelo a nivel normativo.