A dura espera das usuarias de centros de día: "Pode supoñer un dano irreversíbel"

Duas personas maiores caminan polas rúas de Vilagarcía (Xoán Roberes).
Co feche dos centros de día 14.400 usuarios e usuarias ficaron sen o seu espazo de coidados e socialización até o mes de setembro. A paralización deste servizo derivou no deterioramento de moitas das persoas que acoden aos centros e que se viron privadas da atención especializada que recibían. Familiares, esgotadas e abafadas polo esforzo, e entidades que atenden as usuarias piden o seu regreso aos centros.

O marido de Conchi Raxó, Miguel, é usuario do centro de día Sarela, no concello de Compostela. Co seu feche a raíz da emerxencia sanitaria provocada pola COVID-19 o seu día a día mudou radicalmente. "Alí cambiou 100%, estaba moito máis activo, pendente das novas do día, facía excursións, agora está de mal humor, non quere saír da casa e o seu estado físico empeorou", conta ela por teléfono desde a casa. 

Non quere saír da casa e o seu estado físico empeorou, conta Conchi Raxó

Até marzo, Conchi Raxó traballaba nun hotel próximo ao seu fogar. Cunha filla de quince anos e outro de doce ao seu cargo, mais a atención que require o coidado de Miguel, optou por un contrato de camareira de piso de reforzo. "Con todo o que teño non podo comprometerme a un posto cun horario e unhas responsabilidades fixas", di.

Para familias como a de Conchi, o feche dos centros de día supuxo o deterioro dos seus usuarios e usuarias, privadas dos coidados a nivel físico e mental profesionais, mais tamén dun espazo no que socializan e medran na súa autonomía. A Xunta da Galiza anunciou que até o mes de setembro os centros de día da Galiza non abrirán as súas portas. Unha medida que afecta arredor de 14.400 persoas.

Os Concellos reestruturaron os horarios para cubir as necesidades das usuarias, mais son recursos paliativos, explica Ana Vilar

"O seu feche súbito provocou unha adaptación dos servizos de atención a domicilio dos Concellos, cunha reestruturación dos seus horarios para cubrir as necesidades das usuarias en distintas franxas do día para tratar de minimizar o impacto, mais son recursos paliativos", explica Ana Vilar, traballadora social e vogal do Colexio Oficial de Traballo Social da Galiza. 

Deterioro das usuarias

Colectivos como a Federación Galega de Dano Cerebral (Fegadace), os Colexios de Traballo Social e Educación Social ou a Federación Galega de Asociacións de Atención a Persoas con Parálise Cerebral e/ou Patoloxías Afíns (Aspace) reclaman á Xunta que rectifique e o propio presidente galego, o popular Alberto Núñez Feixoo, abriu a porta a un adianto da data.

"O feche está afectando moi negativamente as persoas usuarias, as secuelas agrávanse cada vez máis, con importantes retrocesos a nivel cognitivo, físico e emocional no caso das persoas con dano cerebral", expresa a presidenta de Fegadace, Begoña Hermida, en conversa con Nós Diario.

A reportaxe completa podes lela no Nós Diario de hoxe, 9 de febreiro.