Duplícanse as sancións por plantacións ilegais desde a moratoria ao eucalipto

As plantacións ilegais de eucalipto provocaron centos de expedientes sancionadores ao longo destes meses. (Foto: The Navigator)
Por volta de 900 multas impostas nos 10 meses seguintes ao veto.

A moratoria a novas plantacións de eucalipto foi incluída na Lei de Recuperación de Terras que entrou en vigor en 2021. Desde o 2 de xullo dese ano suspendéronse temporalmente até 2025 os novos cultivos desa especie, mais a prohibición non afecta os terreos onde xa había eucaliptais antes de aprobarse a moratoria. Colectivos ecoloxistas, de protección do territorio ou veciñais alertaron entón de que a norma chegaba tarde ou que mesmo ía derivar nun aumento das plantacións ilegais. Ao tempo, estas entidades procederon a un traballo activo de denuncia destas plantacións perante a Administración.

Así, entre o mes de entrada en vigor a moratoria, xullo, e finais de 2021 abríronse máis de 600 expedientes a propietarios forestais por plantar eucaliptos "ilegalmente". E a cifra aumentou até 900 en base aos datos entre xullo de 2021 e abril de 2022, o que supón máis do duplo que no exercicio anterior (250 expedientes en 2021).

O propio director xeral de planificación e ordenación forestal da Consellaría de Medio Rural, José Luís Chan, recoñecía no Parlamento que as infraccións, apercibimentos e sancións tiñan a súa orixe en denuncias procedentes de corpos dos axentes forestais, do Seprona ou da unidade da Policía Nacional adscrita á Xunta, así como tamén das denuncias realizadas desde grupos de defensa do medio ambiente e patrimonio ou entidades forestais.

Infraccións

Medio Rural rexistrou nos tres últimos anos 6.000 infraccións forestais denunciadas. A maioría delas referidas a plantacións ilegais ou cambios de terras agrarias a forestais sen autorización, entre outras cuestións.

No mencionado trienio —2019, 2020 e 2021— tamén se tramitaron 2.243 expedientes sancionadores. En 2019 foron 730 os expedientes, en 2020 foron 615 e en 2021 un total de 898. Nos tres primeiros meses deste ano xa se tramitaron 53 procedementos sancionadores, segundo os datos da Consellaría de Medio Rural da Xunta. Concellos como o de Palas de Rei con 80 expedientes ou A Estrada, con 64, son algúns dos que máis sancións acumulan nestes anos. 

Unha batalla vía satélite

A Asociación para a Defensa Ecolóxica da Galiza (Adega) é un dos colectivos máis implicados no combate ás plantacións ilegais. Xa en outubro, apenas tres meses despois de entrar en vigor a moratoria, denunciaba a "ocupación ilegal" con eucalipto nese tempo dunha superficie equivalente a 200 campos de fútbol. Neses meses, Adega presentou 100 denuncias por plantacións ilegais desa especie.

Tamén colectivos como Mariña Patrimonio están nesta batalla, centrados máis ben na afección desas plantacións ao patrimonio desta comarca do norte da Galiza. Manuel Miranda, membro deste colectivo mariñao, explica en conversa con Nós Diario como os mapas vía satélite permiten detectar este tipo de cultivos e o seu impacto en castros ou mámoas. "O último ano presentamos catro ou cinco denuncias ao respecto, e no mínimo dúas deron lugar a un expediente sancionador".

A Xunta "agochou" información sobre as plantacións

O Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) declaraba hai un ano, en xullo de 2021, ilegal unha resolución da Consellaría de Medio Rural que impidía acceder a información sobre diversas plantacións ilegais de eucaliptos no término municipal de Cospeito, na comarca da Terra Cha. O auto obrigaba a Xunta a facilitar á Asociación para a Defensa Ecolóxica da Galiza (Adega) a documentación recollida en dous expedientes de sanción incoados por corta de árbores autóctonas e posterior plantación ilegal con eucaliptos.

A resolución do TSXG estabelecía así a lexitimidade das entidades e colectivos ecoloxistas para poder participar como parte interesada en todos os expedientes de sanción por plantacións ilegais e "feitos que comprometan directa ou indirectamente o medio".