Ducias de berros contra ''o silencio cómplice'' do patriarcado o día do seu enterro

O 'cortexo fúnebre' avanza polo casco vello. [Imaxe: SG]
Na véspera do 25N, Día internacional contra a violencia machista, ao redor de cen persoas fixeron parte do cortexo fúnebre que acompañou o cadaleito do patriarcado até o cemiterio de Bonaval, onde foi soterrado no mesmo panteón que o heterosexismo ou a linguaxe sexista. O acto tornouse un chamamento a ir máis aló e soterrar tamén "o sistema capitalista e a división sexual do traballo" para erguer outro que xire ao redor da vida das persoas

Soterrar o patriarcado e, canda el, unha folla en branco, símbolo do "silencio cómplice" do machisto e da violencia que se exerce contra as mulleres, non só física senón tamén verbal, estrutural e económica.

Soterrar tamén a Biblia "porque nos asfixia", os libros de texto "que promoven unha educación sexista", as novas taxas xudiciais que prepara o Goberno español "porque van frear a moitas mulleres que deran o paso de denunciar a violencia que sofren". E unhas políticas que, na véspera do Día internacional de loita contra a violencia machista, "nos devolve atrás no tempo, á necesidade de volver defender uns ridículos mínimos".

Botar terra por riba "das palabras e das olladas que serven para magoar e someter" e "bailar despois sobre a súa tumba". Ir máis aló e enterrar "o sistema capitalista e a división sexual do traballo" para construírmos unha economía en que "os traballos de coidados se revaloricen" e cuxo centro sexa "a vida das persoas".

Desterrar da nosa linguaxe "o masculino xenérico" e por fin "ao machismo na prensa" e ás campañas de publicidade onde o éxito se consegue presentado mulleres-obxecto.

Obxectivos ambiciosos mais necesarios os que se expuxeron este sábado no cemiterio de Bonaval, en Compostela, nun cenario improvisado onde, a carón do cadaleito en que repousaba o patriarcado, un micro aberto agardaba por quen quixera escribir de memoria palabras para encher a folla en branco sostida por Goretti Sanmartín, responsábel da Comisión de Acción Feminista do BNG e convocante do acto. Así as cousas, contra as doce do mediodía ao redor dun cento de persoas fixeron parte do cortexo fúnebre que acompañou "a festa" da morte do machismo polas rúas do casco vello da capital galega. Quería chover, mais non o fixo até o remate do enterro.

Non houbo tristura. Ao contrario. Cánticos contra a Conferencia Episcopal "por machista e patriarcal"; contra un silencio "cómplice"; contra "a provocación" que hai detrás da violencia contra as mulleres; berros en lembranza de Julia, Juventina, Iria e Marisol, as catro galegas asasinadas no que vai de ano porque "non estamos todas, faltan as mortas" ou as queixas delas e deles porque "estamos fartas de sermos agredidas" --pois o machismo non afecta unicamente ás mulleres senón tamén aos homes e neste acto participaron moitos--.

Transcorreu así o acompañamento do cadaleito desde a Praza do Toral até o cemiterio, onde o machismo foi enterrado no mesmo panteón onde xacían xa os restos da misoxinia, do heterosexismo, da violencia de xénero ou da linguaxe sexista. Todo isto nun día en que, como rezaba o epitafio, O Patriarcado, ex-gobernante do Planeta Terra, faleceu combatido polo movemento feminista. Descanse para sempre.