Unha ducia de colectivos presenta a súa "axenda feminista galega" de cara ao 5-A

As 11 entidades presentaron onte as súas prioridades.
Baixo o lema "Se non conto non te voto", unha ducia de entidades feministas presentou onte en Compostela a súa "axenda feminista galega", que trasladarán ás forzas políticas que concorren na Galiza ás eleccións do 5 de abril. 

O documento contén, segundo indica a Nós Diario Carmen de Simón, integrante no Foro Feminista Maruxa Mallo de Lugo, 25 propostas prioritarias, que sitúan nun lugar destacado a loita contra o "terrorismo machista", e que inclúen medidas como a "aplicación íntegra" da lei de tratamento da violencia de xénero á creación dunha "verdadeira rede de Centros de Información á Muller" en todos os concellos. 

Nas súas reivindicacións cóntanse tamén a petición dunha "lei abolicionista do comercio sexual e reprodutivo" ou investimentos en educación en igualdade e prevención do machismo."Reclamamos que se asegure que toda a poboación recibe formación en igualdade, o que non acontence, que se inclúan nas distintas materias educativas as achegas das mulleres, que estamos desaparecidas e o desenvolvemento de plans de igualdade nos centros de ensino", exemplifica a portavoz do Foro Maruxa Mallo, que asina o documento xunto coa Rede Galega pola Igualdade, a Asociación Profesional de Axentes Igualdade de Oportunidades Galega, a Federación de Mulleres Rurais da Galiza, a asociación O Soño de Lilith, Comando Igualdade, Mulleres Viúvas Democráticas de Vigo, o Colectivo Feminista Pontevedra e a Rede viguesa contra os Malos Tratos. 

A "axenda" compila o traballo dos últimos tres anos, que agora se presentará aos partidos, de cara a que as propostas se inclúan nos programas para o 5-A. Como avanzaron onte as portavoces, tanto o BNG como o PSOE confirmaron  xa o seu "compromiso" para reunirse cos colectivos, que tamén solicitan unha reunión ao Grupo Común da Esquerda, mentres que desde o PP lles foi notificada a recepción do informe.